Foz, 2 de novembro de 2017. A Biblioteca Pública Municipal e a OMIC do Concello de Foz organizan o XVI Concurso de Postais de Nadal 2017 para seleccionar a tarxeta coa que felicitará oficialmente o Concello de Foz nas datas do Nadal.
O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo Soto, destacou que “é o certame deste tipo máis antigo da comarca. A participación nas edicións anteriores foi enorme, polo que esperamos que este ano tamén o sexa”.
A data de remate de presentación de traballos será o vindeiro 1 de decembro na Biblioteca Pública Municipal. Para calquera dúbida ou información poden dirixirse á propia biblioteca ou ben chamar ao teléfono 982.140.675.
As bases do concurso son estas:
1.- Poderán participar todos os rapaces que o desexen.
2.- As postais estarán relacionadas con motivos do Nadal.
3.-Os traballos realizaranse en cartolina, axustada ao tamaño de 16 x 11 centímetros e no reverso da mesma deben figurar os seguintes datos: nome, anos, dirección, teléfono e colexio. Entregaranse na Biblioteca Pública Municipal.
4.- A técnica a empregar será a do debuxo a lapis, rotuladores, ceras ou collage, sempre e cando non leve elementos que sobresaian (para unha maior facilidade de reprodución).
5.- O primeiro premio consistirá na reprodución da postal como felicitación oficial do Concello de Foz para o Nadal 2017 elixida entre tres categorías:
Infantil A (ata 6 anos) – 1º premio, lote de libros; 2º premio, lote de libros.
Infantil B (de 7 a 10 anos) – 1º premio, 40 euros e libro; 2º premio, 25 euros e libro.
Xuvenil (de 11 a 16 anos) – 1º premio, 60 euros e libro; 2º premio, 40 euros e libro
6.- Haberá un premio especial para o colexio do que forme parte o alumno premiado.
7.- O xurado poderá deixar deserto calquera dos premios se así o ven oportuno.
8.- O prazo límite de presentación rematará o vindeiro 1 de decembro. O fallo do xurado darase a coñecer en días posteriores a través de Radio-Foz, no teléfono 982.140.675 ou ben na propia Biblioteca Pública Municipal.
9.- A entrega dos premios será nun acto a celebrar na Casa da Cultura en data e hora que se anunciará publicamente.
10.- A participación no concurso implica a aceptación destas bases.