Viveiro, 31 de outubro de 2017. A Escola Infantil Municipal de Viveiro atende, a día de hoxe, 68 usuarios distribuídos en 5 unidades en función da demanda e idade dos pequenos; o equipo educativo da escola está formado por 8 persoas, ademais da directora, que distribúen a súa xornada laboral en función dos horarios de asistencia dos nenos
Conta cunhas instalacións amplas e céntricas, totalmente adaptadas ás necesidades dos pequenos. A Escola Infantil Municipal ubícase nun edificio de planta baixa dotado de 6 aulas, con cociña-comedor, aula de usos múltiples, zona de xogos e patio exterior semicuberto cun horto e unha zona axardinada. Dende o concello realízanse melloras e arranxos de mantemento de forma periódica; neste sentido, cómpre indicar que durante os pasados meses de xullo e agosto o concello encargouse de pintar a fachada, muros e varandillas exteriores, ademais de chorrear a cuberta do patio. Nesta mesma liña, cómpre lembrar tamén as grandes melloras levadas a cabo polo concello en 2013, cando se realizou unha importante mellora nas instalacións e se procedeu á renovación e adquisición de novos materiais.
Con respecto ao equipamento, tamén é necesario destacar que o Concello de Viveiro realizou as xestións oportunas para conseguir a consesión dunha axuda para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento da escola infantil, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no Marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020; esta concesión, que foi notificada hai uns días, conta cun gasto total subvencionable de 6.520,16 €.
O horario da Escola Infantil Municipal, establecido atendendo ás demandas das familias no momento de formalizar matrícula, é de 8:00 a 20:00 de setembro a xuño (nos meses de xullo e agosto vense reducindo o horario de 8:00 a 15:00 horas). As xornadas lectivas de cada un dos grupos estructúranse seguindo unhas rutinas ou actividades programadas, en función da idade, pero sempre priorizando os ritmos individuais de cada crianza e cuns horarios orientativos que poden variar en función das necesidades do grupo-clase. Ademais das actividades diarias, a Escola Infantil Municipal de Viveiro vén celebrando ao longo do curso festas tradicionais, obradoiros e festivais, coas que se fomenta a implicación e relación das familias coa escola.
O Concello de Viveiro tramitou en 2013 un contrato administrativo para a xestión do servizo público educativo da Escola Infantil Municipal, resultando adxudicataria a empresa Aurora, Pilar y Ana SL. O prezo do contrato foi de 656.000 € (catro anualidades do contrato, a razón de 164.000,00 € por anualidade), cunha duración de 4 anos; o prezo por cada mensualidade do contrato ascende a 13.666,66 €. Neste contrato establécese, así mesmo, que o concello percibirá directamente dos usuarios polos servizos prestados os prezos públicos establecidos na ordenanza reguladora fiscal núm. 44.
Neste contrato, que remataría o 1 de decembro de 2017, indicábase que podería prorrogarse mediante dúas prórrogas de dous anos cada unha, previo consentimento das partes. Cómpre sinalar neste sentido que , previa solicitude da empresa, na sesión plenaria de data 6 de setembro de 2017 se acordou a concesión dunha primeira prórroga polo prazo de dous anos.
Dende o Concello de Viveiro valórase moi positivamente o servizo prestado pola Escola Infantil Municipal, que ten como obxectivo primordial a conciliacion da vida laboral e persoal das familias, ao tempo que se intenta ofrecer unha ensinanza de calidade en canto á transmisión de valores e habilidades sociais.