Lugo, 16 de outubro 2017. O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, cualificou como “incomprensible” o feito de que durante toda a fin de semana non se contara cos bombeiros dos parques que dependen do Consorcio Provincial de bombeiros. O deputado do BNG lembrou que a propia Xunta de Galiza ten participación maioritaria no Consorcio Provincial e dende o centro de coordinación de emerxencias non se contou cos efectivos destes parques para loitar contra os incendios que asediaron a provincia de Lugo.
Segundo Ferreiro “Os propios bombeiros presentáronse voluntarios, e o Consorcio Provincial non utilizou estes medios na vaga de lumes da fin de semana”. Con incendios en Cervantes, Antas de Ulla, Guntín, Quiroga, Monforte, Friol, Castro de Rei, Outeiro de Rei, A Pastoriza, O Saviñao, Samos Triacastela, Chantada, A Pobra de Brollón os bombeiros dos 6 parques do Consorcio provincial non foron mobilizados para colaborar nas labores de extinción.
“Vimos como dende a Xunta se recurria á axuda externa e se decía que os medios estaban superados, vimos a veciñas e veciños tentando apagar o lume con caldeiros mentres camións e bombeiros estaban nos parques comarcais por que non se contou con eles nunhas xornadas tan difíciles para o noso país” explicou Ferreiro e asegurou “este feito é significativo de como a Xunta de Galiza coordina os medios de extinción, ignorando os recursos propios e máis achegados á poboación”.
O Consorcio Provincial di Servizo Contra Incendios e Salvamento conta con seis parques comarcais de bombeiros distribuídos en Chantada, Monforte, Vilalba, Sarria, Viveiro e Barreiros. A propia Xunta de Galiza, xunto coa Deputación, forma parte do Padroado do Consorcio e o Presidente do Consorcio é D. Luis Menor Pérez, Director Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.