- O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, recibiu este mércores a un grupo de alumnos e alumnas do IES Perdouro, de Burela, que coñeceu a Produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación
Os preto de 50 estudantes fixeron unha visita polos distintos departamentos na que puideron descubrir o traballo que se desenvolve dende o arquivo, a redacción, a sala de cámaras as mesas de realización ou os platós. Rivera Capón deu a benvida aos participantes e destacou que “agardo que desfrutedes desta visita didáctica na que coñeceredes de forma lúdica, práctica e divertida os labores que se realizan en cada un dos espazos da produtora”.
- Ruta pola Senda Azul de Ribadeo
A Guía Oficial de Turismo Ana Pena comeza o ano propoñendo novas visitas guiadas na Mariña. A do próximo domingo 19 de xaneiro ás 10h terá lugar no concello de Ribadeo. Máis concretamente será a Senda Azul, un interesante percorrido entre o Muíño das Aceas e o Faro de Illa Pancha, que pasa por lugares de importancia como a ría de Ribadeo, a Praia dos Bloques, a zona portuaria, ou o parque etnográfico do Cargadoiro, entre outros. A ruta ten unha extensión de 10km cunha dificultade baixa e poden asistir mascotas. O prezo é de 10€ persoa e as reservas poden facerse no 654 99 68 57.
- Os 7 alumnos/as do obradoiro de xardinería están a realizar traballos de poda no núcleo de Cervo
Os restos serán agora biotriturados para converterse en acolchado de macizo das plantas, creando un abono orgánico que axudará a reducir a aparición de malas herbas e o uso de abonos e herbicidas químicos. Desce o Concello animan ao alumnado a seguir aproveitando así cada día dos nove meses de formación dual que teñen por diante.
- A Garda Civil detén en Ribadeo a un veciño de Trabada, de 32 anos de idade, como suposto autor dun delito de roubo con forza nas cousas
O presunto autor accedeu ao interior dunha vivenda, propiedade dun familiar, situada na localidade de Ribadeo. Para iso utilizou unhas chaves lexitimas obtidas de maneira ilícita, subtraendo do interior do inmoble unha cartilla bancaria e diversas xoias, as cales foron recuperadas nun establecemento especializado en merca-venda de ouro. Así mesmo, o infractor utilizou o documento bancario subtraído para realizar tres reintegros, en distintas datas do pasado mes de decembro, por un importe total de 1.200 euros. A persoa detida e as dilixencias policiais foron postas ao dispor xudicial.
- Cómo cada ano no Nadal, a Asociación A Concordia de Ribadeo fixo entrega dun agasallo a cada usuario do Centro de Día que leva o seu nome
Seguindo o costume dos últimos anos, a entrega correu a cargo do alumnado de Vírgula, que os deleitou cun marabilloso concerto de panxoliñas, e os do Bosque Animado, que, ademáis, lles entregaron unhas fermosas postales pintadas a man por eles. Todos xuntos gozaron deste encontro.
- Este venres 17 de xaneiro, ás 19,30h, na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, vaise presentar a novela "Entre a vontade e o destino" (segunda parte da súa triloxía "Banu Marwán: a estirpe do galego") de Xosé Henrique Costas
O acto está organizado pola A.C. Francisco Lanza. Presentará ao autor Suso Fernández Acevedo (profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo). Nesta segunda entrega, Marwán, fillo de Ianes O Galego, comeza unha nova vida acollido polos xudeus de Munt Sáluti ata que emprende camiño a Mérida. Alí, grazas aos seus contactos e á súa competencia, entra ao servizo da administración amiral e vai subindo na escala ata chegar a ser nomeado valí ou gobernador dunha cidade adoito insubmisa e levantadiza contra o poder de Córdoba.
- O Instituto de Estudios Chairegos dá comezo a actividade cultural do ano 2025 organizando, coa colaboración do Concello de Vilalba, o concerto “Cartas alén-compromiso e coraxe”, a cargo do grupo Son de Corda
Será o sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal.