Mondoñedo, 07 de agosto de 2017 .- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, ve no complexo de apartamentos turísticos, que se acaba de inaugurar hoxe na cidade, “un novo paso cara adiante na dinamización, potenciación e impulso do turismo na localidade, que está a ter unha moi positiva tenza á alza”.
Elena Candia asistiu hoxe á inauguración das primeiras cinco vivendas de uso turístico que abriron as súas portas no casco histórico, e en cuxa xornada tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Estes apartamentos turísticos construíronse nun edificio antigo e rehabilitado para este uso na Rúa Leiras Pulpeiro, unha localización situada ao carón da zona da Alcántara.
Casa Pedrosa, nome do inmoble de apartamentos turísticos, “é unha aposta pola cidade, que permite a creación de novas prazas de estancia para os visitantes e axudaranos a ser máis competitivos no eido turístico, converténdose a historia que ten este edificio nun reclamo engadido”, asegurou a rexedora.
Ademais, para a alcaldesa este proxecto desenvolvido pola familia Pedrosa “non só é un impulso no eido turístico, a través del tamén se favoreceu a recuperación e rehabilitación dun antigo inmoble, dándolle, neste caso, un uso turístico”.
Así, Elena Candia mostrouse moi agradecida polo esforzo dos propietarios para renovar estas instalacións e pola “clara aposta que esta iniciativa supón para a cidade”.
Este proxecto de Casa Pedrosa, xunto a outros xa promovidos na localidade no eido da hostalería e o hospedaxe, sumados ás accións de xestión do Goberno local no ámbito turístico están a dar os seus froitos xa que os datos corroboran a tendencia á alza que está a conseguir o turismo na localidade, amosándose xa incrementos excepcionais no 2017, en todas as tipoloxías de visitantes.
Casa Pedrosa, histórico inmoble
Casa Pedrosa é un dos primeiros inmobles dos que se ten coñecemento da súa data de construción, debido á aparición no seu interior de lousas e pedras de granito nas que están escritas a cincel a fecha 1653.
O primeiro propietario e construtor da casa foi o licenciado D. Bartelomé de Villapol y Vega, maestrescuela da Catedral de Mondoñedo e, entre os seus sucesores, hai insignes personaxes de Mondoñedo, que xeración tras xeración foron ocupando o inmoble mellorándoo e manténdoo, sendo o actual propietario, Carlos María Pedrosa Pedrosa. O inmoble alberga escudos na fachada dianteira da rúa Leiras Pulpeiro e o logotipo e escudo de Casa Pedrosa.
Dentro das pautas marcadas polo Plan Especial de Reforma Interior do Casco Histórico de Mondoñedo, desenvolveuse o proxecto de execución de rehabilitación do edificio. Así o conxunto de comunicación vertical, dada a súa singular importancia como elemento arquitectónico dentro do edificio, proxectouse segundo o estado que tiña. Todo él, xiraba sobre una espléndida escaleira que o recorría dende a planta baixa ata a planta cuberta e no teito había e hai un lucernario con cristaleira, que da luz natural a toda a escaleira. Así, procedeuse a desmontaxe da escaleira e dos barrotes que sustentaban o pasamáns, numerando cada unha das pezas, para a súa posterior colocación, unha vez tratados; así como do portalón da vella entrada do paso de carruaxes, onde hoxe se instalou a entrada principal da casa.
Casa Pedrosa, pisos turísticos
Polo tanto, neste edificio antigo e unha vez rehabilitado, construíronse cinco vivendas cos seus correspondentes trasteiros, fora da casa, e no baixo tres locais. Todas as vivendas, cociñas, dormitorios e cuartos de baño están totalmente amoblados e avituallados con todo o necesario.
Dúas destas cinco vivendas, dispoñen de dous dormitorios; outros dous pisos constan de tres habitacións e, por último, un dos apartamentos está distribuído en catro dormitorios. Cada unha dos pisos de Casa Pedrosa, ten o seu nome: Xardín de Villapol e Fervenza da Recadieira son as vivendas de dous dormitorios; mentres que as de tres son Bosque de Silva e Pedregás; e a de catro dormitorios é Porta de Batitales.