LUGO .- A xunta de goberno da Deputación aprobou a adxudicación provisional do contrato de adquisición de 4 vehículos urbanos lixeiros para o Consorcio Provincial de Bombeiros por importe de 978.124 euros. A Deputación contratou este mes equipamento xeral e outros 3 vehículos por valor de 1,7 millóns de euros. En total no último mes investíronse 2,7 millóns en equipamento para os parques. “É importante que os veciños e veciñas da provincia teñan claro quen fixo os deberes e quen non”, apuntou o voceiro provincial socialista Antonio Gato Soengas.
Nota de Prensa
A Deputación desbloquea as obras de acceso ó parque de Paradai para rematalas en 2010
– O organismo provincial resolveu de mutuo acordo coa empresa o contrato e aproba o novo expedente de contratación por valor de 1,6 millóns de euros
– Neste mes a Deputación investiu preto de 3 millóns de euros na adquisición de material para os parques de bombeiros
– Gato Soengas anuncia que, “tendo en conta que o goberno de Feijóo ten abandonado a provincia de Lugo”, o Presidente da institución provincial se puxo en contacto co Conselleiro de Presidencia para celebrar a reunión do Consorcio a mediados de xaneiro
A Xunta de Goberno da Deputación acordou este venres resolver de mutuo acordo coa empresa o contrato da obra de construción de accesos ó parque de Paradai, procendendo á aprobación do novo expedente de contratación para o seu remate en 2010. O importe dos traballos é de 1.629.948 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, explicou que “é unha actuación importante para a que colaboramos co Concello de Lugo. A empresa adxudicataria atravesaba problemas polo que lle era imposible rematar os traballos, o que fixo que estes levasen parados uns cantos meses”.
Neste senso, indicou que “para resolver a situación mativéronse varias reunións e, finalmente, acordouse rescindir de mutuo acordo o contrato asinado entre a Deputación e a empresa. Agora adxudicámola de novo co obxectivo de rematala o vindeiro ano”.
A construción da rúa Pedáneo Xoán Diego é a terceira obra do Plan Paradai que acomete a Deputación. As dúas anteriores foron a construción da Ponte Romai, con enlaces na Segunda Ronda e a Rotonda da Rocha, e a prolongación da Avenida Duquesa de Lugo. Pola marxe dereita, ó longo de 500 metros colinda co parque fluvial de Paradai e, polo esquerdo, coa Duquesa de Lugo. Ten unha lonxitude de 750 metros e 16 de ancho. O proxecto contempla a construción de dous carrís de circulación, beirarrúas, e aparacadoiros.
Vehículos para os parques de bombeiros
Aprobouse a adxudicación provisional do contrato de adquisición de 4 vehículos urbanos lixeiros para o Consorcio Provincial de Bombeiros. O importe é de 978.124 euros. Gato Soengas lembrou que a Deputación xa contratou este mes equipamento xeral e outros 3 vehículos por valor de 1,7 millóns de euros. En total no último mes investíronse 2,7 millóns en equipamento para os parques.
“Este foi un dos temas que o Presidente da Xunta ten pendente coa provincia de Lugo. Gómez Besteiro xa solicitou dende o día 20 de novembro varias veces por escrito unha cita con Feijóo, da que non recibimos contestación. Hai que recoñecer que tivemos paciencia, pero o certo é que o titular autonómico faltou á palabra dada, e que o goberno de Feijoo ten abandonado a provincia de Lugo”.
Ante a falta de vontade do Presidente da Xunta, Gómez Besteiro púxose hoxe mesmo en contacto co Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda para avanzar no proceso, “porque é un tema que hai que falar e que hai que resolver”. Nesta xuntanza, que se celebrará a mediados de xaneiro darase conta das actuacións feitas ata o de agora por parte de ámbalas dúas administracións e da posta en funcionamento dos parques. “É importante que os veciños e veciñas da provincia teñan claro quen fixo os deberes e quen non”, apuntou o voceiro provincial socialista.
Canon de Monforte de Lemos
Asimesmo, deuse o visto e prace ó acondicionamento da rúa Otero Pedrayo, no Concello de Monforte de Lemos, dentro do canon 2008-2009. Esta actuación ten un investimento de 45.733 euros. A Deputación xa contratou outras actuacións como a iluminación do río Cabe o a mellora de varios accesos. Para as dúas primeiras anualidades a este Concello correspóndelle 155.398 euros e, nestes momentos, xa están consignadas actuacións por valor de 102.045 euros, “o que demostra que estamos cumprindo coa palabra dada de deixar rematado o canon antes de que remate o 2009”.
Outros acordos da Xunta de Goberno
O organismo provincial aprobou a contratación do acondicionamento e mellora da estrada provincial Altar-Reinante-Os Castros, no Concello de Ribadeo. As obras de mellora van dende o punto quilométrico 9,920 ó 12,320 e teñen un importe de 500.000 euros.
A Xunta de Goberno tamén aprobou o convenio entre a Deputación e os 47 Concellos que delegaron o sistema de contratación do subministro eléctrico na Deputación.
Asimesmo, déuselle o visto e prace á unha conta xustificativa do Plan de Comunidades Veciñais de 2008 no Concello de Alfoz. O importe total é de 30.000 euros, dos que a Deputación achega 12.000. Tamén se ratificou a modificación do contrato de subministración de áridos para o parque móbil da Deputación, que contempla un aumento de 13.044 euros para seguir colaborando cos Concellos da provincia. “O parque móbil está a desenvolver un labor importante nos municipios, xa que pon a disposición destes as súas máquinas para o arranxo de vías municipais, aforrándolles este custe ós Concellos”.