Foz, 23 de xuño de 2017. O Concello de Foz comezou os traballos de substitución dos magnolios da rúa Xoán Montes polo seu tamaño desproporcionado. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explicou que moitos veciños solicitaron a súa retirada e que serán cambiados por outras árbores dun tamaño máis axeitado para ese lugar.
O rexedor focense anunciou: “no día de hoxe estase procedendo á substitución dos magnolios que hai na rúa Xoan Montes, que comunica Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro e que está afectada polas obras de remodelación que se van realizar nas dúas rúas”.
Javier Castiñeira indicou que “estes magnolios están nun tamaño totalmente desproporcionado e moitos dos veciños reclamáronos que se retiraran; vanse substituír por outras árbores de menor crecemento, adaptadas á zona urbana. E así aproveitamos tamén para que a rúa Xoán Montes quede adaptada á Avenida da Mariña e á Álvaro Cunqueiro, polo que esta remodelación afectará tamén á rúa Xoán Montes”.
O alcalde especificou que “agora, nos traballos provisionais, retiraranse estas árbores e as xardineiras; e unha vez que pasen as obras substituiranse pola mesma especie de árbore que van ter as outras dúas rúas e tamén o mesmo tipo de xardineiras, para que quede o conxunto ben harmonizado e eliminar así a desproporcionalidade destas árbores, que non son adaptados para a zona urbana”.
Castiñeira di que “ademais nos próximos días a rúa Xoán Montes vai servir de acceso provisional á Avenida da Mariña, igual que ocorreu no caso anterior con García Lorca. Agora en aproximadamente de dez días quedarán rematados os traballos na primeira fase da Avenida da Mariña e pasaremos á seguinte fase, que é a que vai desde Xoán Montes ata a glorieta de Vilalba, deixando a zona intermedia, a dos supermercados e outros lugares de servizo do pobo, libres de obras durante todo o verán. Polo tanto esta vía servirá de acceso durante estes próximos meses e vai ser unha rúa de posible tráfico tamén no seu momento, cando rematen as obras”.