SANTIAGO .- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria decidiu suspender as clases en todos os centros educativos de Galicia durante a xornada de mañá, mércores 16 de decembro. Esta indicación aplícase aos centros de ensino non universitario, así como aos pertencentes á Rede Galega de Escolas Infantís (de 0 a 3 anos de idade), tanto ás dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, como ás que o son da Secretaría Xeral de Familia.
Esta decisión tómase como medida de precaución, en base á predición feita pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), dun fenómenos meteorolóxico adverso con precipitacións en forma de neve que afectarán a Galicia en cotas baixas a partir das 12 desta mesma noite.
A Consellería de Educación garante deste xeito que non se produza incidencia algunha no acceso dos escolares aos seus centros, así como preserva a seguridade do alumnado, profesorado e persoal non docente.