NOTA DE PRENSA
O BNG define o tramo estatal da VAC como a “autovía dos incumprimentos”
O Congreso debate maña unha iniciativa para rematar o Corredor no 2013
A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados vai debater mañá mércores unha proposición non de lei, presentada polo deputado nacionalista, Francisco Jorquera no que solicita do Congreso que insta a Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a que procedan a acordar un cronograma con prazos e consignacións orzamentarias suficientes que permitan rematar a Vía de Alta Capacidade Barreiros-Ferrol no horizonte de 2013.
A proposta que será defendida por Jorquera , coincide coa moción aprobada na Deputación de Lugo e A Coruña e en boa parte dos Concellos da Mariña, Ortegal e Ferrolterra e nela proponse rectificar a planificación viaria do norte galego e urxir as dúas administracións implicadas a darlle unha solución ao problema de comunicación existente nestas tres comarcas. Jorquera lembrou que “a ‘Vía de Alta Capacidade do Litoral (tramo Barreiros-San Cibrao)’, a executar polo Ministerio de Fomento, coa forma de autovía, ven ser un tramo de 30 Km que percorre os Concellos de Barreiros, Foz,Burela e Cervo a executar no período 2001-2007. A esta altura a Administración do Estado, a pesar dos acordos parlamentarios que falaban do seu remate no horizonte de 2008, só ten executado un estudo informativo do trazado xa sometido ao tramite de exposición pública. Non deixa de ser curioso que nos Orzamentos Xerais do Estado se teñan recollido partidas de carácter testemuñal para esta actuación desde 2004, non procedéndose a súa execución na case totalidade das anualidades Orzamentarias”.
O Portavoz Nacionalista en Madrid definiu esta via como “a via dos incumprimentos” e neste sentido fixo fincapé que primeiro Cascos que comprometeu ter rematado a obra no 2007, despois Magdalena Álvarez que tras reunirse en 2004 con Alcaldes da Mariña púxolle data de remate en 2008 e agora Blanco esquecen a execución dunha peza clave na execución da rede viaria do norte galego. Na mesma liña referiuse a existencia de acordos únanimes en 2004 do Congreso para axilizar esta via e a pesar disto tres anos depois de cando tiña que estar rematada, o único que temos e un Estudo Informativo. “É hora de que a Xunta e Fomento se senten, liberen fondos suficientes e garantan o remate da obra en 2013. O BNG non está disposto a utilizar necesidades básicas para os galegos e galegas, como arma de confronto partidario, polo que lle demandamos ao PP e ao PSOE a suficiente altura de miras para resolver esta cuestión” recalcou Jorquera.
Na proposta nacionalista lembrase que a relevancia económica e social das Comarcas de Ortegal, A Mariña e Ferrolterra determinante sen dúbida dentro do PIB galego, contrasta cunha deficiente dotación de infraestruturas de comunicación, o que dificulta os fluxos de actividade e a inter-relación entre as distintas áreas do territorio, e do conxunto co exterior, constituíndo esta situación un freo importante para o pleno desenvolvemento do potencial existente nesta área xeográfica galega. Jorquera afirmou que “a non axilización dos prazos de construción deste vial por parte da Xunta e do estado pon en risco o papel central que esta área xoga no territorio galego. Ademais estamos a falar dun vial que tiña que estar rematado no 2007, polo contra a esta altura só hai un tramo en obras”