Ribadeo, 16 de xuño de 2017. O Programa de Prevención de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas está a rematar os programas de prevención escolar que se desenvolveron durante o curso 2016/17 e nos que participaron medio milleiro de alumnos e alumnas.
Mónica Fernández Lamparte, psicóloga e responsable do devandito Programa de Prevención do Concello de Ribadeo, contou que “o Cinensino xa está rematado. Proxectáronse 3 películas e traballáronse as correspondentes Unidades Didácticas na aula cos titores e titoras. Participaron o Colexio Sagrado Corazón e o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo con 218 alumn@s de 1º e 2º de ESO e 12 titores-as”.
No programa de Entrenamento en habilidades sociais dirixido a alumnado de 5º e/ou 6º de EPO, “constou de 4 sesións e participaron todos os CEIPs e colexios da Mariña Oriental, cun total de 135 alumnos-as. Rematamos xa o pasado 7 de xuño o programa de Entrenamento en habilidades sociais que desenvolvemos durante o presente curso con 135 alumn@s de 5º e/ou 6º de Primaria dos seguintes centros escolares: CEIP Gregorio Sanz, Colexio Sagrado Corazón, CEIP de San Miguel de Reinante, CEIP Celso Currás de Trabada e o CEIP Plurilingüe de A Pontenova”.
Fernández Lamparte explicou que “traballamos as habilidades sociais, como queixarse ou dicir cousas agradables ós outros, a empatía, e o acoso escolar, fixemos rol-playing e vimos curtametraxes varios. O alumnado participou moitísimo. Grazas a eles e elas, aos centros escolares, equipos directivos, equipos de orientación, titores-as e demais profesorado por o seu tempo e colaboración”.
A responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas engadiu que “tamén tivemos Obradoiros informativos sobre Prevención do VIH en ESO, a cargo de ASEDUC e nos que participaron o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e o CIFP Porta da Auga. E agora estamos a traballar na memoria de actividades que debemos remitir á Xunta e programando actividades de información para familias. Así mesmo, continuamos informando na páxina de facebook AdicciónsZeroRibadeo e pronto presentaremos os resultados dos cuestionarios sobre consumo de alcohol recollidos durante este curso entre os escolares da ESO”.