NOTA DE PRENSA
O PP reitera a petición de sinatura dos convenios cos clubes deportivos.
Consideran que os clubes están a sufrir un grave quebranto nas súas economías polo retraso do bigoberno.
Os populares reúnense con clubes deportivos.
O GMPP solicitaralle ó bigoberno burelés que proceda de inmediato á sinatura dos convenios cos distintos clubes deportivos correspondentes ó presente ano dous mil nove, porque os clubes están sufrindo un grave quebranto económico, dado que a estas alturas o único que teñen son boas palabras do bipartito, pero nulo compromiso formal e por escrito.
Esta é unha das conclusións máis importantes extraidas polos populares logo de reunirse recentemente con representantes do Burela Fútbol-Sala e Clube Baloncesto Burela. Para os populares, a situación é preocupante, porque desde o bigoberno local, especialmente desde o BNG, se ten chufado e ensalzado a política deportiva que din están a executar, e resulta que á hora da verdade o sustento da mesma, os convenios para manter escolas deportivas, é débil. Tanto é así, que algún clube xa está cobrando ós asistentes ás escolas deportivas, porque non son capaces a soportar o gasto, o que tamén pón en entredito as afirmacións reiteradas dos nacionalistas de escolas deportivas gratuitas para todos.
Os populares xa preguntaron por este asunto no pleno de Novembro, pero seguirán insistindo e reiterando as peticións de que se acelere o proceso de redacción e sinatura dos convenios, porque a situación dos clubes se pode volver insostible.
Igualmente, consideran que desde o concello se debe presionar á Deputación para que axilice os pagos das axudas. Non é de recibo que algún clube burelés, con subvención nominativa da Deputación para o exercício de 2009, ainda non teña cobrado a totalidade da mesma. Naide dubida da bondade das axudas da Deputación, pero de pouco valen se tardan en cobrarse.
Coas reunións cos representantes do Burela Fùtbol Sala e do Clube Baloncesto Burela, o PP local inicia unha nova ronda de reunións con colectivos deportivos e culturais, que teñen como obxectivo explicar o traballo que está a facer o PP e, fundamentalmente, recoller a situación dos clubes e colectivos e tentar buscar solucións ós posibles problemas que teñan. Para a semana próxima, o PP burelés reunirase coa S. D. Burela e co Colectivo Cultural Buril.