LUGO .- A Orquestra Clásica de Xove participará no ciclo de concertos adicado a “A Música de Xoán Montes” que promove a área de Cultura da Deputación. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, participou este mércores, xunto co presidente da Coral Polifónica do Hospital Xeral de Lugo, Edelmiro Ulloa, e o director da Orquestra Clásica de Xove, Xoán Carballal, na presentación do ciclo.
Nota de Prensa
A ÁREA DE CULTURA PROMOVE UN CICLO DE CONCERTOS DEDICADO AO COMPOSITOR LUCENSE XOÁN MONTES
Antón Bao asegurou que a Deputación de Lugo apoiará todas aquelas iniciativas que persigan a recuperación e consolidación de calquera manifestación do patrimonio inmaterial do país
LUGO, 9 de decembro de 2009. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, participou este mércores, xunto co presidente da Coral Polifónica do Hospital Xeral de Lugo, Edelmiro Ulloa, e o director da Orquestra Clásica de Xove, Xoán Carballal, na presentación do Ciclo de Concertos “A Música de Xoán Montes” que promove a Área de Cultura desta institución. O Círculo das Artes da capital lucense acollerá, o vindeiro domingo 13 de decembro, ás 20:00 horas, o primeiro dos catro concertos musicais que pretenden homenaxear a figura e obra deste compositor lucense 110 anos despois do seu pasamento. A Coral do Xeral e a Orquestra de Xove interpretarán este mesmo repertorio, composto dunha escolma das pezas máis coñecidas de Xoán Montes, o próximo 8 de marzo na localidade de Vilalba, o 8 de maio en Chantada e, por último, o 12 de xuño de 2010 no Concello de Burela.
Na súa intervención, Antón Bao salientou a aposta da Deputación de Lugo pola música galega. Alén disto, o nacionalista fixo fincapé na necesidade de incentivar e promover o estudo e mais a aprendizaxe de todas e cada unha das vertentes da música galega para conseguir que esta perdure co paso do tempo. O compromiso desta institución coa música do país “materialízase co noso apoio incondicional a todas aquelas iniciativas que perseguen a súa recuperación e consolidación nun contexto cando menos complexo”, asegurou. Deste xeito, a Área de Cultura promoveu, xunto coa Asociación Sociopedagóxica Galega, o Ciclo de Conferencias e Concertos “Músicas Galegas na Actualidade”. A pretensión da Deputación “non era outra que sentar as bases dun <<foro de difusión>> no que incentivar o coñecemento e máis o estudo da música actual galega dende os comezos do século XIX ata os nosos días”, comentou.
O apoio da Área de Cultura da Deputación á musica galega toma tamén forma ao colaborar coa Asociación de Gaiteiros Galegos na posta en marcha, por primeira vez na capital lucense, do IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional. Nesta mesma liña de actuación, Antón Bao lembrou que esta institución secunda o labor de formación integral na música e no baile tradicional do país levado a cabo día a día pola Tradescola. A maiores, o nacionalista resaltou a importancia doutro proxecto no que costea, xunto coa Obral Social de Caixa Galicia, as actuacións de diversas agrupacións musicais – bandas de gaitas, de música e corais- nas distintas romarías e festexos lucenses. En 2009, a Área de Cultura tramitou case 300 solicitudes, lembrou. Ao remate da súa intervención, o vicepresidente da Deputación comentou que dende a entrada dos nacionalistas ao Pazo de San Marcos “esta é a primeira vez que se pon en marcha un proxecto de colaboración cos Conservatorios Municipais de Viveiro, Vilalba e Monforte de Lemos para contribuír ao seu mantemento e funcionamento”.