Burela, 29 de abril de 2017. O Concello ven de recibir a obra dos vestiarios do campo de herba artificial da Marosa, pendentes só agora do seu equipamento interior. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, amósase moi satisfeito con este proxecto e lembra que “era unha demanda moi importante dos equipos que alí acoden a practicar deporte”.
O edil burelés dixo que “vimos de recibir a obra por parte da construtora que fixo os vestiarios da Marosa. Agardamos que a inauguración dos mesmos sexa o antes posible, a falta de conseguir o equipamento para o seu interior: bancos, perchas, etc…”.
Ramiro Fernández Rey lembrou que “esta era unha obra moi demandada polos equipos que practican alí deporte. Era un compromiso electoral deste equipo de goberno e puxémonos a traballar desde o primeiro día para que fose unha realidade. Hoxe podemos felicitarnos todos por ter recibido esta obra, que vai ser moi utilizada polas categorías inferiores do Porto Burela e pola SD Burela”.
Para o concelleiro de Deportes “estamos diante dun obxectivo cumprido. Tanto o alcalde coma min, como concelleiro de Deportes, apostamos decidida e firmemente por esa obra e estamos moi contentos de poder ofrecerlle estas instalacións aos veciños. Agardamos que as disfruten por moitos anos e que veñan solucionar os problemas que xeraba a carencia destes vestiarios”.
O investimento realizado ascendeu a máis de 100.000 euros aportados pola Deputación de Lugo e polo Concello. “Estamos todos de noraboa. As instalacións quedaron moi ben e agardamos que disfruten delas”, engadiu Ramiro Fernández Rey.