Foz, 29 de abril de 2017. Foz acolleu unha homenaxe ao profesor británico Ernest Rutter, que todos os anos trae aos seus alumnos a esta zona para mostrarlles as singularidades xeolóxicas da costa cantábrica. O acto foi no transcurso dunha cea na que participaron uns 40 estudantes de Xeoloxía da universidade británica de Manchester. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, entregoulle a Ernest Rutter un recordo do Concello.
Despois do evento, que se celebrou no hotel restaurante Leyton, o rexedor municipal explicou que “foi unha homenaxe ao profesor Ernest Rutter, un xeólogo de recoñecido prestixio que leva dende 1978 vindo todos os anos a mostrar aos seus alumnos as singularidades xeolóxicas da costa cantábrica. En todo este tempo labrou boas amizades con varios focenses, como a familia Leyton ou Simón, que durante moitos anos rexentou o bar O Lar, no porto de Foz”.