Lugo, 29 de abril de 2017.O Goberno da Deputación impulsa o turismo durante a ponte do primeiro de maio, colaborando coas festas da Troita da Pontenova, da Filloa de Muimenta, da Tenreira de Láncara e do Queixo da Ulloa.
O Executivo Provincial achega 9.000 euros ás citas da Pontenova, Láncara e Cospeito (3.000 para cada unha delas). O Concello de Monterroso poderá destinar ata 6.000 euros do Plan Único.
1.500 quilos de tenreira galega
Dende hoxe sábado, 29 de abril, e ata o luns, 1 de maio; terá lugar a XIX edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, que se celebrará no Campo da Feira da Pobra de San Xiao, no Concello de Láncara. O Goberno da Deputación é a única administración, xunto co Concello, que colabora co municipio lancarés na celebración desta cita gastronómica a través do Plan Único, do que o municipio decidiu destinar 3.000 euros.
Ademais o organismo provincial, doa unha tenreira a través da Granxa Gayoso Castro para sortear entre os asistentes e sufraga parte da actuación do grupo Xílgaros de Lugo co Musiqueando. Durante a celebración, degustaranse máis de 1.500 quilos de tenreira galega que se servirán ao caldeiro ou á grela, a 13 euros por ración, acompañadas de queixos feitos con leite do municipio, pan e bebidas.
Milleiros de persoas na Festa da troita da Pontenova
Dende hoxe sábado, e ata o luns, 1 de maio; A Pontenova será o escenario da XXXIX Festa da Troita. O Goberno da Deputación colabora co municipio na celebración desta cita gastronómica a través do Plan Único, do que o Concello decidiu destinar 3.000 euros.
O evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego e Interese Turístico Deportivo Nacional, reunirá ao longo dos tres días milleiros de persoas que poderán gozar dunha ampla programación, coa degustación de troitas nas casetas, acompañadas con pan e viño, a un prezo de 5 euros. “Esta cita é un obrigado encontro gastronómico á par que un evento deportivo de repercusión nacional, posto que xa está confirmada a participación de 120 pescadores nos diferentes concursos”, explicou Darío Campos.
O queixo da Ulloa celebra as súas vodas de prata
Os días 29 e 30, terá lugar a Feira do Queixo da Ulloa, que conmemora este ano as súas vodas de prata. Os concellos de Palas de Rei e Monterroso continúan colaborando conxuntamente para celebrar esta 25 edición. Nesta ocasión, correspóndelle ao Concello de Monterroso organizar este evento. A Deputación achegou na pasada anualidade 3.000 euros a esta cita gastronómica. Este ano, son os propios Concellos quen pode realizar unha aportación económica de ata 6.000 euros a través do Plan Único da Deputación.
O queixo da Ulloa é o produto estrela e o identificador da festa, pero tamén se poñen á venda produtos tradicionais da zona como a castaña, o pan ou ovos.
Máis de 17.000 filloas
O vindeiro día 1, o municipio de Cospeito en Muimenta acolle a XXVI edición da Festa da Filloa de Muimenta, no recinto feiral Manuel Vila López. O Executivo Provincial colabora cunha achega económica de 3.000 euros con esta cita gastronómica que organiza a comisión MOEXMU, composta por empresarios de Muimenta.
Esta festa, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2008, reúne a máis de
50 filloeiras, coas que se poderán degustar máis de 17.000 filloas, que se servirán a 3 euros a ración, ademais de churrasco, pan e bebidas. A programación do evento inclúe actuacións de grupos de baile e música; exhibicións de xogos tradicionais; obradoiros de construcións de xoguetes e instrumentos musicais; a entrega de premios da XVIII edición do Concurso de relato e de debuxo da filloa, que conta con máis de 150 traballos presentados; e o pregón por parte da Presidenta da Asociación Española conta o cancro en Lugo, Mari Luz Abella.