RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, está moi satisfeito da acollida que está a ter o Mercado de Nadal que se celebra ata mañá no parque de San Francisco.
O rexedor sinala que “as expectativas do Mercado de Nadal de Ribadeo estanse cumprindo satisfactoriamente a pesares do mal tempo, do moito que choveu, pero onte pola tarde daba gusto pasear pola carpa e ver como os postos estaban ateigados de xente, non só de Ribadeo, senón tamén turistas, e moitos veciños da Mariña e do Occidente asturiano”. Suárez manifesta que “con este ánimo quero convidar a todo o mundo a que se achegue a Ribadeo a gozar esta tarde ou na xornada de mañá, xa que o mercado ten abertas as súas portas, e polas tardes hai obradoiros de chocolate, actividades de danza, tetarais… para facer as delicias dos máis pequenos e para que todo o mundo goce das actividades que se están a desenvolver á marxe das compras que poidan realizar”.
O alcalde engade que “son centos as persoas que se achegan a Ribadeo por mor deste mercado, o cal redunda de xeito moi positivo na vila, e daba gusto ver as rúas de Ribadeo que onte estaban a tope pola tarde. Quero polo tanto seguir animando á xente a que veña a esta vila comercial e de servizos tan importante que é Ribadeo a que gocen e aproveiten este Mercado do Nadal 2009”.