BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela asegura que os cortes de luz que se produciron no alumeado público hai uns días foron motivados polas obras que se están a realizar para mellorar este servizo. Alfredo Llano rexeita as críticas verquidas desde o PP.
O rexedor explicou que “ese corte debeuse ás obras que estivemos facendo, obras importantes como o soterramento de cableado para adecuar, preparar e presentar esteticamente moi ben o pobo. Evidentemente esas empresas traballan ata as oito das tarde e a consecuencia deso houbo que cortar a luz nalgún tramo e ata as oito e pico non se acendían esas farolas. Eso ocorreu en Rosalía de Castro e tamén en Pardo Bazán, porque namentres se substitúen unhas igual había que cortar a luz nas outras. Creo que todos os veciños sabían que se estaba a traballar e ninguén me veu protestar, pero o PP aproveitouse deso para facer unha das súas críticas ordinarias sen meterse en máis profundidades”.
Llano considera que “a xente está contenta coas obras de mellora que se están a realizar no alumeado público de Burela e houbo quizáis unha pequena baixada de tensión na zona dos Castros que xa foi arranxada e subsanada, así que realmente si houbera algo que lamentar por falla de servizo ou de atención dariámoslles a razón, pero foi totalmente ó contrario”.
O alcalde engadiu que “hai unha cuestión aí que tratan de unir con estes cortes, dicindo que esto puido ter que ver con EOn e con que nós non tivésemos cotizado o suficiente e que por eso procederon a cortar o servizo. EOn cobrará regularmente como viña acontecendo con Begasa e para nada haberá un corte de electricidade, e moito menos por sectores, porque en todo caso cortaría por impago todo, pero ese non vai ser o caso de Burela”.