SANTIAGO .- Portos de Galicia, ente público adscrito á Consellería do Mar, presenta durante estes días en París a oferta náutico recreativa de Galicia nunha edición mais do Salón Náutico Internacional que se celebra entre o 5 e 14 de decembro na capital francesa.
Portos de Galicia, esta presente cun atractivo stand no que se facilita información acerca das instalacións náutico recreativas coas que conta na actualidade a Comunidade galega. Nel pódese atopar todo tipo de datos acerca das características dos portos e das instalacións e dársenas de Galicia. Así mesmo, conta cun sistema audiovisual nos que se presentan os portos nunha atractiva formula, e puntos de información nos que se facilitan as características das instalacións náutico recreativas de Galicia mediante soporte informático.
O Salón Náutico de París nos seus mais de 40 anos de existencia, posicionase en Europa como un dos mais prestixiosos do seu sector, e un dos mais profesionais salóns adicados á náutica recreativa. Este salón agrupa a profesionais da náutica de mais de 30 sectores claramente identificados sobre una superficie de 120.000 metros cadrados de exposición dividida en tres pavillóns e case un milleiro de expositores pertencentes a uns 30 países. Prevése que a asistencia a este certame supere este ano os 300.000 visitantes.
Un dos obxectivos da presenza de Portos de Galicia neste acontecemento é o de promocionar e dar a coñecer as instalacións náutico recreativas de Galicia, ademais da práctica da navegación deportiva, incentivando unha actividade con indubidables implicacións económicas e potenciando así un sector xerador de emprego e riqueza que consolidará definitivamente o sector náutico recreativo na nosa Comunidade.
A situación estratéxica de Galicia e as súas condicións para a práctica da navegación son únicas, polo tanto, estase a dotar ós portos de puntos de atraque que dean acollida ós milleiros de embarcacións que ao longo do ano utilizan e pasan polas nosas costas. Así mesmo, a mellora das comunicacións de Galicia favorecen a accesibilidade da comunidade galega co resto de España e Europa facilitando a práctica deste tipo de actividades para os non residentes en Galicia. A Consellería do Mar a través de Portos de Galicia, aposta polo tanto fortemente pola creación de novas infraestruturas náutico deportivas.
En definitiva, Portos de Galicia, pretende consolidar unha oferta náutica de calidade nas costas galegas, creando novos postos de traballo, potenciando a interrelación das cidades cos portos que os acollen, mellorando a ordenación dos mesmos e atraendo e contribuíndo ó desenvolvemento económico de Galicia.