RIBADEO (FNC) .- Concello e Sepes asinarán un convenio de colaboración para a xestión comercial das parcelas que se porán á venda no polígono industrial de Ribadeo. Ademais instalarán unha oficina conxunta para ofrecer información aos empresarios interesados en instalarse en dito parque. O xefe da División Comercial de Sepes e o alcalde de Ribadeo cursaron esta mañá visita ao polígono industrial.
Fernando Suárez dixo que “nesta fase tan avanzada de execución das obras do polígono industrial de Ribadeo agora damos un novo paso. E hoxe acaban de estar aquí os xefes de Comercialización de Sepes e acordamos asinar un convenio de colaboración para a xestión comercial de todas as parcelas que se poñen á venda, e imos instalar unha oficina conxunta entre Sepes e o Concello para dar información aos empresarios que se queiran instalar neste polígono, non só aos locais, senón tamén aos interesados da ampla comarca da Mariña e do Occidente asturiano”.
O rexedor expúxolles “para cando se reúna a finais de ano o Consello de Dirección de Sepes para aprobar os prezos das parcelas, que estableza uns prezos competitivos acordes co entorno, pero sobre todo que estableza unhas boas condicións de financiación, dada a situación actual pola que estamos a atravesar. É algo que ven con bos ollos e estanse a aplicar moito de cara a ofrecer unhas condicións óptimas para que ningún proxecto con capacidade de creación de emprego, con capacidade de futuro quede sen instalar en Ribadeo por cuestión do prezo”.
Suárez Barcia considera que “a xente de Sepes e do seu departamento de Comercialización o que persiguen, e creo que o fan ben, non se trata de vender por vender parcelas senón de vender parcelas a todos aqueles proxectos que teñan futuro, que sexan firmes e que produzan riqueza no concello e na comarca, polo que esperemos que despois desta visita ás obras por parte dos técnicos de comercialización, a finais de xaneiro poidamos ter unha reunión pública, aberta a todos os empresarios interesados para darlles prezos definitivos das parcelas, condicións de venda, de financiación…”.
O alcalde sinalou que “a principal tara que pode ter é que as parcelas se agoten bastante rápido, porque non é un polígono demasiado grande, e desde logo sen minusvalorar ningún dos outros polígonos que pode haber na comarca sobran as diferencias de situación ao pé da autovía, céntrica e desde logo moi atractivo, tal e como o están facendo saber moitas empresas non só de Ribadeo, senón tamén de fora, algunhas delas grandes cadeas de distribución e grandes empresas, que están mirando moi polo miúdo os pasos que estamos a dar desde Ribadeo polo seu interese en asentarse aquí”.