BURELA (FNC) .- A Delegación de Educación e Medio Ambiente do Concello de Burela presentou as actividades que ten programadas para desenvolver ao longo do nadal 2009-2010.
A edil socialista, Lucía Bouza, anunciou que “as monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia organizan un obradoiro de decoración de nadal baixo o lema Decora o nadal. Neste obradoiro poderán participar, de xeito totalmente gratuito todos os nenos e nenas escolarizados en educación infantil e primaria. Para iso, deberán completar a ficha de inscrición que se atopa na Biblioteca Pública Municipal até o 10 de decembro”. O obradoiro desenvolveráse os días 14, 16, 17 e 18 de decembro a partires das 18 horas nas dependencias da Casa da Cultura.
A Delegación de Educación e Medio Ambiente tamén convoca a terceira edición do certame de nadal Propostas para mellorar o Medio Ambiente, “que este ano ten como tema central a mobilidade sostible. Como xa é tradicional, o certame presenta de novo tres variantes: concurso de fotografía, de relato curto e de debuxo. Todos aqueles que desexen inscribirse poden facelo a partires do vindeiro mércores día 9 de decembro na Biblioteca Pública Municipal”. Lucía Bouza explicou que “ao igual que nas edicións anteriores, haberá cinco primeiros premios dotados con cámaras fotográficas e haberá tamén o sorteo dunha consola entre todos os participantes, que tamén serán agasallados con libros de lectura. A data límite para a aceptación dos traballos será o 9 de xaneiro de 2010.