NOTA DE PRENSA
O PP considera que as liortas internas dos socialistas en Foz incapacitan a García Rivera para defender os intereses do municipio
* Os populares non descartan a posibilidade de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para que o alcalde explique as razóns polas que decidiu cesar de xeito fulminante ó seu número dous
Foz, 3 de decembro de 2009.- O Partido Popular de Foz considera que as liortas internas que nos últimos tempos está a vivir o Partido Socialista neste concello e no propio goberno municipal incapacitan ó alcalde, José María García Rivera, para continuar ó fronte da alcaldía xa que non está en condicións de garantizar a defensa dos intereses do municipio e dos seus veciños.
O cese fulminante en todas as súas funcións do primeiro tenente de alcalde Xaime Cancio por parte do rexidor é, ó entender dos populares, algo que se vía vir a tenor dos xa habituais enfrontamentos públicos que ambos protagonizaron, pero a súa repercusión na propia gobernabilidade do municipio fai que o asunto tome unha dimensión maior e que trascenda o ámbito interno dunha formación política.
Para o Partido Popular de Foz esta situación pode causar graves perxuizos ós intereses dos veciños e veciñas de Foz porque resultará moi difícil que un goberno claramente dividido e sen maioría poida levar as rendas do concello.
Ante a gravidade dos feitos e a confusión sobre as razóns que levaron a García Rivera a cesar fulminantemente o seu número dous, o PP de Foz está a sopesar a posibilidade de solicitar a convocatoria dun pleno
extraordinario no que o alcalde dé as debidas explicacións sobre o acontecido. Os populares entenden que o pleno é o lugar axeitado tanto para requerir esa información como para que José María García Rivera explique os motivos que o levaron a tomar unha decisión tan drástica.