Non pode morrer a flor da palabra que veu dende o fondo da historia e non a pode arrincar o poder.
Ríos de tinta están a correr tras a perda do cómante das forzas armadas revolucionarias Fidel Castro; para uns o mundo queda orfo de referentes, para outros dende a madrugada do pasado sábado respirase un pouco mellor.
Parte desta disparidade ten a súa orixe en cuestións de índole emocional, emotivo, lírico, romántico ou escatolóxico. Toda revolución conleva de xeito intrínseco unha forte dose de lirismo.
De esa mística revolucionaria xurdiu a nova trova ou o boom literario latinoamericano representado en García Márquez ou Cortázar, en Carlos Fuentes ou Vargas Llosa, e polo medio das palabras, das aliteracións e outros recursos estilísticos, das melodías que conforman as cancións de Silvio, de Víctor Jara ou da familia Parra, corrían os casquetes das balas dos militares e da guerrilla, seguían abríndose as veas do continente.
Que a Cuba revolucionaria é un fenómeno político complexo é un feito notorio, algo que non merece maior tipo de explicación ao respecto; un David desafiante que retaba ó veciño Goliat a escasas 90 millas, que perseveraba na Guerra Fría e que se mantiña como último bastión comunista tras a caída do telón de aceiro.
Ate o ano 1989 dous gángsters se repartían a hexemonía, dende aquela o capital puido impoñer, pola adoitada vía do monopolio, a súa lei. No xogo do mercado libre e do lassez faire só se participa cando un sabe que vai gañar.
E xa ven entrados os 90` Cuba seguía aí, representada na Havana vella, como último retazo dunha idea, nostálxica, do que puido ser e non foi, vítima das súas propias contradicións e do bloqueo comercial. E de súpeto, as pantasmas de Bolívar e Martí, foron coma unha mancha que se estendeu por todo o continente coa chegada do Socialismo do S. XXI. Alba, Unasur, CELAC e Petrocaribe foron os instrumentos de cooperación internacional que debían servir para a emancipación de América Latina.
Hoxe, que o mundo semella descomporse por uns intres, voltamos á espiral infinita da búsqueda de modelo: o capitalismo expulsa do sistema a aqueles que non serven como produtores nin como consumidores e o socialismo constrúe muros e coarta liberdades.
Este é outro artigo máis sobre Cuba e Fidel Castro, un dos innumerables cos que terán que convivir estes días, unha simple redundancia. A historia será quen o condee ou absolva, que cada quen saque as súas propias conclusións. Marchan as persoas, quedan as ideas.
Unha cousa é segura, calquera proceso revolucionario é necesariamente popular e iconoclasta, doutro xeito a revolución acabaría devorando ós seus fillos tal e como postulaba Michels na súa lei de ferro da oligarquía. Partindo desta premisa fai falta máis pobo e menos xerarquía.
Vista a trascendencia e atención suscitada polo proceso cubano na última mitade de século teño a impresión de que o veredicto final de Fidel atópase cada vez máis preto.
Pablo Álvarez Ramos.