Lugo, 30 de novembro de 2016. O BNG propón un plan único de axudas aos concellos por parte da Deputación. O voceiro do BNG no organismo provincial, Xosé Ferreiro, dixo que “mentres as Deputacións non desaparezan traballaremos para que sirvan para apoiar aos concellos con máis dificultades, por que para iso foron creadas no seu momento”. Ferreiro explicou que “está proposta está enmarcada no acordo que BNG e PSOE asinaron para garantir a gobernabilidade das Deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra” e engadiu que “no caso de Lugo cuadriplicaríanse as aportacións que reciben os concellos dende a Deputación”.
Esta proposta foille trasladada, na tarde de onte, ao presidente da Deputación como unha das condicións para que o BNG facilite a aprobacións dos orzamentos para o 2017. Ferreiro sinalou que “a nosa proposta elimina as discriminacións dos concellos pola cor política, un concello de 5.000 habitantes pasaría de recibir 100.000 euros a Deputación a recibir 400.000”. Na Deputación de A Coruña xa se aplicará un plan semellante para o ano 2017 cun montante total de 76 millóns de euros. Xosé Ferreiro destacou que “o BNG traballou para acadar mecanismos para que o reparto dos fondos fose totalmente obxectivo e evitar os repartos a dedo dos fondos das Deputacións”.
Antonio Veiga dixo que a creación deste Plan único de Obras e Servizos irá dirixida a englobar todas as axudas da Deputación aos concellos. O actual plan de obras e servizos, na actualidade, ronda os 5 millóns de euros e coa proposta do BNG a dotación mínima será de 20 millóns de euros. No plan incluiríanse todas as liñas dea xudas que recibe nos concellos e “garantirase un reparto completamente obxectivo. Veiga sinalou que se fará “respectando as condicións de ruralidade, extensión, dispersión, avellentamento da poboación, perda de poboación, etc… de cada un dos municipios”.
Para Veiga “é unha proposta revolucionaria que beneficia a todos os concellos e por iso agardamos o apoio de todos os grupos políticos”. Neste plan tamén iría incluído o 25% que aportaban os concellos ata o momento nas obras do POS, pasando a sufragar a Deputación o 100% do seu custe. Neste plan incluiríanse as seguintes liñas de axudas que ata agora se xestionaban por diferentes cauces cos distintos concellos como o actual POS; as subvencións excepcionais; os plans de cooperación con comunidades veciñais; os plans de emprego que xestiona directamente a deputación (Ben Empregado e Depuemprego…); os remanentes que se produzan ao rematar o ano 2016; o servizo de axuda no fogar (SAF); as liñas de aforro enerxético; e todas as liñas de cultura e deporte.