Lugo, 26 de novembro de 2016.- A Xunta de Galicia aporta preto de 90.000 euros para a contratación de 11 axentes de emprego e desenvolvemento local na Comarca da Mariña.
Todas as solicitudes presentadas polos concellos e entes oficiais foron respondidas positivamente e reciben axuda para a contratación por parte do Executivo Galego. No caso da Mariña os beneficiados son 11 municipios.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria subvenciona deste xeito a contratación de persoal que ten como función principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, actuando como promotores, asesores puntuais de proxectos de empresa e prospectores de mercado.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, subliña así “o importante esforzo realizado polo Goberno galego para facilitar a busca da inserción laboral e a estimulación das economías locais desta Comarca xa que, con axudas como esta, contribúe a dinamizar e a xerar novas oportunidades nos diferentes concellos”.
As persoas contratadas forman parte da rede de técnicos de emprego de Galicia e teñen un papel relevante á hora de potenciar o papel das entidades locais como motores de creación de emprego.
Neste senso, Balseiro destaca “a importancia do traballo conxunto e coordinado estre as diferentes Administracións públicas, que dirixen os seus esforzos á xeración de emprego e é no propio ámbito local –engade- onde mellor se detectan as necesidades e oportunidades”.