O delegado territorial da Xunta en Lugo, Jose Manuel Balseiro, participaba este sábado na inauguración das xornadas internacionais de difusión de proxectos europeos de Formación Profesional organizadas por APAGA (Asociación de Profesores Técnicos e de Ensinanza Secundaria de Automoción en Galicia).
Na súa intervención o responsable provincial deu á benvida aos participantes á Mariña e convidoulles a descubrir, rematadas ás xornadas e durante a súa visita á zona, as moitas oportunidades que ofrece esta comarca desde o punto de vista turístico.
Por outra banda, Balseiro explicou que en Galicia se está a facer un esforzo relevante para implantar a FP DUAL. Unha modalidade máis flexible de Formación Profesional, que alterna teoría con formación práctica na empresa. A FP considérase un elemento fundamental para propiciar unha mellora da empregabilidade e da cultura do emprendemento entre a mocidade. “Nese obxectivo” -indicou o Delegado- “precisamos comparar, adquirir boas prácticas, intercambiar experiencias, e de aí a utilidade de foros como este”.
“Apostamos por unha Formación Profesional que sexa útil para as persoas e para a sociedade galega. Que sirva para que as persoas podan desenvolver coñecemento, creatividade e talento”.
Tamén animou a avanzar cara un sistema baseado na innovación e no coñecemento, algo que require poñer o foco nos actuais programas educativos e dotar de capital humano cualificado ao tecido empresarial. Nesta tarefa xogan un papel fundamental os centros educativos, e organizacións como APAGA, no ámbito concreto do sector da automoción.
Finalmente Balseiro fixo un recoñecemento ao relevante papel que xogan os profesores e técnicos de formación profesional. “Sodes todos vós, os que coa vosa experiencia e prestixio formaredes á sociedade futura”.
CLAUSURA DAS XORNADAS DE PESCA E 25N
O Delegado territorial tamén participou na xornada de clausura do foro pesqueiro organizado pola Confraría de Celeiro e na homenaxe previa que se desenvolveu en recoñecemento ao Instituto Social da Mariña (ISM) polo seu relevante labor social a favor dos homes e mulleres do mar. Finalmente Balseiro sumouse á actividade organizada polo Concello de Cervo en conmemoración do Dia internacional para a elimimacion da violencia contra as mulleres.