Os traballos de montaxe do Belén xigante de Viveiro estanse a realizar estes días no atrio da igrexa de Santa María para abrilo ao público o vindeiro 6 de decembro e que poderá visitarse ata o 9 de xaneiro de 2017.
“Cómpre sinalar que este é un dos beléns máis importantes de Galicia; destaca pola súa beleza e por instalarse nun enclave histórico-monumental único, pero tamén polas dimensións das súas pezas e pola extensión do seu conxunto.
Dende a súa creación, cada ano estase a incrementar o número de visitas, sendo incluso frecuente que se organicen excursións de asociación ou colexios de fóra do municipio para visitalo”.
“Isto evidencia que o noso Belén xa se consolidou como un referente do Nadal galego e, por este motivo, o Concello, a través da súa Concellaría de Cultura, decidiu apostar pola súa difusión e proxección creando un vídeo promocional co que se pretende resaltar a súa importancia e as súas características singulares dende o punto de vista cultural.
Este vídeo promocional, que será enviado para a súa difusión, entre outras entidades, a Turgalicia, será lanzado nas redes sociais do Concello o vindeiro domingo, 27 de novembro de 2016, ás 12.00 horas”, segundo destaca a concelleira de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.