Mondoñedo, 24 de novembro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués, presentaron este xoves no Concello o Campus de Nadal CDLU CAMP, que este ano se fará na localidade mindoniense.
O CDLU CAMP é unha iniciativa do Club Deportivo Lugo que pretende difundir os valores da entidade deportiva tanto na cidade das murallas como no resto da provincia. De aí o interese do Concello de Mondoñedo porque este ano se celebre na localidade.
É a primeira vez que os CDLU CAMP saen da cidade de Lugo para achegar a solidariedade, o compañeirismo, a igualdade, as habilidades sociais ou o ‘fair play’ como eixo transversal dunha semana de desfrute para todos os participantes.
Do 2 ao 5 de xaneiro
As actividades do CDLU CAMP desenvolveranse a primeira semana de xaneiro, entre o día 2 e o 5, nas instalacións do complexo deportivo Viñas da Veiga. A modalidade deportiva protagonista será o fútbol, cunha sesión diaria, que contempla ademais a practica doutras disciplinas, como o baloncesto, o voleibol ou o tenis de mesa.
O campus está dirixido a aqueles nenos e nenas nados entre os anos 2010 a 2000. As actividades darán comezo ás 09:30 horas e rematarán ás 14:00 horas cun almorzo a media mañá. O prezo será de 60 euros para os socios do CD Lugo e de 80 euros para os que non o sexan. A dirección das actividades recaerá en José Seoane, director da Escola do CD Lugo. A inscrición pode ser presencial, no Concello de Mondoñedo, ou online a través da web www.cdlucamp.org.
Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes con cobertura de asistencia sanitaria ante un eventual percance no transcurso das actividades do campus.