A dama pálida visitou á ex alcaldesa de Valencia e senadora Rita Barberá na madrugada do día 23 de novembro mentres pernoctaba no hotel Villa Real sito en Madrid; “situado a unos metros del Congreso de los Diputados” referían todos os xornais, como se iso da proximidade fose unha metáfora de corte mariñeiro –o capitán que se funde coa embarcación-.
A política infartou e logo de 30 minutos de reanimación os operarios do servizo de emerxencias foron incapaces de volvela á vida. Pero Barberá non infartou soa, con ela, á mañá seguinte, quedaron sen osíxeno os corazóns da nosa opinión pública e da democracia representativa.
A polarizada sociedade española volvía a confrontarse – las dos Españas, que dicía Machado- e, con ela, facían o propio os seus representantes. Argumentacións de todas as cores: que si vítima da pena de telexornal, golpeada pola virulencia da nova política, rota e enferma pola inxustiza, ata responsable política de corrupción, latrocinio e podremia na Comunitat Valenciana. Espellos cóncavos e convexos.
Máis aló do que pretende ser unha descrición obxectiva dos acontecementos posteriores ó finamento, quixera por a atención sobre un aspecto que entendo de importancia cardinal: o caso Taula, no que a Barberá xunto con outros 49 cargos políticos estaba imputada, queda orfo.
E é que, ó marxe da absoluta falta de crédito que me merece o estado de dereito, teño a convicción que os únicos veredictos que poden ter validez son os emitidos polo poder xudicial, e neste caso Rita quedou sen xulgar.
No tocante á lentitude da xustiza non podo deixar de pensar nun asunto que coñecín de primeira man; tratábase dun propietario dunha finca rústica en Carballo que foi ocupada sen autorización por unha instaladora eléctrica falseando un documento privado. 13 anos despois e catro procedementos completos de por medio (dous penais e outros dous civís) o fillo do propietario foi indemnizado.
Trece anos de papeis, de avogados e procuradores, de peritos, en resumo, trece anos de inxustiza ata acadar unha resolución. Xa o dicían os xuíces: unha xustiza lenta non só e ineficiente senón que non é xusta.
Voltando de novo ó caso da senadora valenciana non é preocupante que a xente opine –está no seu lexítimo dereito-, tampouco que as opinións sexan contrarias –onde todo o mundo pensa igual é que ninguén pensa-, a polarización ou fractura social existiu de sempre, tan só se acentuou coa crise, pero hai unha cuestión que sempre se pasa por alto: a imposibilidade para o normal desenvolvemento do poder xudicial.
E Rita Barberá deixounos sen poder darlle un proceso con garantías –no seu propio proveito, se é que era inocente, e no de todos en calquera caso-, e xunto con ela seguen a diluírse todo tipo de responsabilidades entre montañas de papel impreso, instrucións interminables, milleiros de recursos, avogados autóctonos que discuten lindes ou enxeñeiros xurídicos que fan que sempre gañen os mesmos.
Os principios modernos do estado alicerzábanse sobre os peares rectores da liberdade, igualdade e fraternidade; o primeiro obxectivo a acadar é a igualdade ante a lei ou igualdade de dereitos. O problema non é a diferencia de opinións, o problema e que Rita non foi xulgada.
Pablo Álvarez Ramos.