Ribadeo, 23 de novembro de 2016. O parque de San Francisco será escenario o vindeiro venres, 25 de novembro, dos actos programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.
Ás 12 da mañá dará comezo a xornada cunha actuación musical e cunha performance a cargo da EMMeD de Ribadeo. Despois intervirán Sandra Saavedra, do Centro de Día A Concordia; Paz Ramil, do Observatorio da Mariña pola Igualdade; así como alumnado dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz. Gardarase a continuación un minuto de silencio polos 44 feminicidios rexistrados no Estado español no que vai deste ano e a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, lerá o manifesto conmemorativo. O acto concluirá cunha peza musical e un aplauso en memoria das vítimas desta lacra. Se o venres fixese mal tempo a cita trasladaríase ao pavillón de deportes pequeno.
Desde a Concellaría de Igualdade animan “á xente a sumarse a estes actos que haberá no parque o vindeiro venres.
Queremos que os asistentes se vistan de negro, de loito… polas vítimas”. Na campaña Ribadeo en negro, que arrincaba o pasado venres, día 18, están a participar un cento de establecementos e locais comerciais da localidade.
Nos últimos días algúns árbores e farolas da vila tinguíronse de negro cun lazo por cada muller asasinada no 2016. Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade “esta foi unha proposta que saíu do Consello municipal das Mulleres, da participación cidadá e que se estivo facendo contando coa colaboración de representantes do CMM e do Comité Lila”.