Burela, 15 de novembro de 2016. Os IES Perdouro e Monte Castelo acolleron nas últimas horas o obradoiro Violencia de xénero e o novo contexto dixital. A actividade enmárcase dentro dos actos conmemorativos do 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, do Concello burelés. Foi organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais, por pertencer á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.
Patricia Otero explicou que a actividade desenvólvea Pantallas amigas: “trátase dunha iniciativa que ten como misión a promoción do uso seguro e saudable das novas tecnoloxías e o fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e na adolescencia. O obradoiro Violencia de xénero e o novo contexto dixital está destinado para nenos/as e adolescentes, colectivos estes preferentemente expostos a situacións de violencia de xénero, centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xurdan no contexto dixital: ciber violencia de xénero, grooming, sextorsión…”.
O taller impartiuse en varias sesións durante a mañá e a tarde de onte, luns, en ambos IES de Burela. Nas mesmas participou alumnado de 1º e 2º de ESO e de 1º de FP Básica.
A edil de Servizos Sociais indicou: “debemos ter en conta que na actualidade hai que ampliar o marco no que se poden xerar condutas agresivas e de acoso, e que tamén son cualificadas como violencia de xénero. O auxe das novas tecnoloxías provocou que se xere unha nova violencia de xénero que golpea, sobre todo, a rapazas adolescentes menores de idade. Detectar estes riscos e previr estas condutas é o que se pretende con obradoiros como o celebrado este luns”.