Nota de Prensa
O BNG presenta emendas puntuais aos orzamentos da Xunta que pretenden un incremento no investimento previsto para 2010 de 12,8 millóns de euros
Os nacionalistas mariñaos tratan de corrixir a ausencia de investimento no corredor e no Hospital da Costa con 4,6 millóns mais
Os 8,2 millóns restantes buscan avalar con partidas económicas actuacións de carácter local
A Mariña, 24 de novembro de 2009. O Consello Comarcal do BNG valorou o paquete de emendas que os nacionalistas mariñaos presentaron ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2010. Para o BNG os orzamentos elaborados polo Partido Popular non responden ás necesidades da comarca, tiran por terra compromisos adquiridos polo anterior goberno galego e incumpren as promesas que os representantes do Partido Popular fixeron durante a pasada campaña electoral. Aínda tendo en conta os recortes orzamentarios por mor da rebaixa na partida de ingresos, o BNG tratou de reaxustar as partidas da emendas para
Mais investimento no tramo lucense do corredor e no Hospital da Costa prioridades dos nacionalistas nas emendas comarcais.
A redución do investimento previsto nos orzamentos 2009 para tramo lucense do corredor San Cibrao-O Barqueiro, cunha rebaixa que pasa dos 17,6 millóns previstos no orzamento plurianual elaborado polo anterior goberno aos 4,5 do actual, “pon negro sobre branco a verdadeira faciana do PP que fai un ano manifestábase no Vicedo e agora non di nada cando hai unha rebaixa do 75% no investimento previsto”, afirmou o portavoz comarcal nacionalista Antonio Veiga. Veiga lembrou que o propio Conselleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Agustín Hernández, ditou sentencia de morte ás previsións para o remate desta obra no 2013 ao afirmar que as previsións do seu departamento están situadas no 2017, “á vista das previsións orzamentarias do actual goberno da Xunta, Feijoo será o que poña a primeira pedra, mais non a vai inaugurar cando aplica un recorte de tal envergadura ao orzamento inicial”. A maior afondamento, o portavoz nacionalista quixo facer fincapé nas abondosas renuncias e incumprimentos do PP con esta infraestrutura de vertebración do norte galego, empezando co desvío da autovía trans-cantábrica cara a Vilalba de Fraga e Cascos, pasando polo compromiso de Cuíña e o propio Cascos de tela rematada no 2007 e agora, o que pasaba por ser un compromiso estratéxico de Feijoo para situar aos mariñaos a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade, convértese en 10 anos de abandono e insulto continuado a unha das zonas con maior capacidade de desenvolvemento do país, “nin a cidadanía, nin as empresas da Mariña existen para Feijoo e os seus representantes mariñáns”, concluíu Veiga.
Aínda tendo en conta o recorte nos ingresos para 2010 pretenden incrementar en 3 millóns o investimento no tramo lucense do corredor.
Para corrixir estas previsións, os nacionalistas presentan emendas para incrementar as partidas previstas no 2010 coa intención de sumar aos 4,5 e 1,2 millóns previstos pola Xunta para este ano en obra e expropiacións, 3 millóns de euros mais no tramo de San Cibrao ao Barqueiro. Os nacionalistas teñen en conta os recortes nas previsións de ingresos da Xunta para o ano 2010, “mais non renunciamos a incrementar a partida prevista pola Xunta para este ano”, afirmou o Portavoz Comarcal nacionalista, Antonio Veiga, quen lembrou que os nacionalistas teñen presentadas iniciativas nos concellos da comarca, na Deputación e no Parlamento Galego a fin de que os gobernos galego e estatal coordinen actuacións de cara a rematar esta obra no 2014.
Incrementar o investimento no Hospital da Costa en 1,6 millóns, outra das demandas do BNG
Os nacionalistas consideran un contrasentido que PP non contemple ningunha partida especifica nin para o Plan Funcional, nin para ampliación do Hospital da Costa e ao mesmo tempo desmintan o progresivo desmantelamento da calidade asistencial na comarca da Mariña, “o discurso oficial choca coa realidade dun modelo de xestión centralizado e a falla de investimentos que até fai pouco eran cabalo de batalla para o PP” afirmou Veiga, reiterando que “tanto a conselleira, Pilar Farjas como Balseiro non acreditan no orzamento 2010 a propaganda vertida nos medios de comunicación”. Veiga anunciou a presentación dunha emenda parcial na que se pide un incremento no investimento previsto na anualidade 2010 de 1,62 millóns de euros que estaría destinado a ampliación das instalacións hospitalarias.
8.200.000 euros para actuacións de carácter local e supramunicipal
Os nacionalistas tamén deron a coñecer a presentación de emendas de carácter local ou con incidencia en varios concellos da Comarca, unha delas dotada con 1,5 millóns para a estrada LU-124 de conexión dos concellos da Pontenova, Riotorto e Mondoñedo coa A8, desenvolvemento da banda longa nos concellos da comarca, base loxística para o salvamento marítimo na Mariña, redacción dun proxecto viábel para o cinto industrial de ALCOA, ao desbotarse o anterior por inviabilidade.
Preto de 60 millóns de apoio aos sectores produtivos e infraestruturas rurais
Veiga tamén cualificou de positivas as modificacións de outras partidas con repercusións en sectores produtivos con forte implantación na comarca da Mariña, entre eles citou os 20 millóns de apoio ao sector lácteo, 10 de apoio á transformación da madeira, 15,9 para transferencias do IGAPE encamiñados a reforzar as políticas de apoio aos sectores produtivos ou 12,4 para o Plan de infraestruturas no medio rural.