BARREIROS . O voceiro do BNG no Concello de Barreiros, Antonio Veiga, entede que “a crise e os problemas económicos que nos afectan hoxe en día dificilmente teñen solución a nivel local, con arranxos puntuais pouco se pod-e solucionar. O problema de fondo da crise é algo que abrangue a todo o Estado e a toda Europa, por eso estas medidas que propón o PP en Barreiros entendémolas coma un brinde ao sol”.
Veiga di non saber “onde está a austeridade cando este ano o 48% dos orzamentos se destina a gastos de persoal. Eu quixera que contestaran os veciños si, gastando preto da metade dos 3 millóns 400 mil euros de presuposto, se ve ese servizo, si se está efectivizando e rendibilizando ese persoal que o Concello contrata a dedo. Hai que lembrar que nunca houbo unha oferta pública de emprego nin provisión de postos de traballo respectando os principios de igualdade de oportunidades”.
O voceiro nacionalista engade que lle chama a atención “que se fale de austeridade cando o BNG lle ten proposto ao Concello que a gardería entrara na rede de galescolas e así non tería ningún custe para Barreiros, e sen embargo a teima do señor alcalde e do PP fan que os veciños paguen por un servizo que si estivese no Consorcio Galego lles sería moito máis barato. O mesmo pasou no seu día co Centro de Saúde, xa que hai moitos anos alá pola década dos 90, o BNG xa lle propuxo ao Concello que ese centro pasase a mans do SERGAS que foi o que o construíu e o cedeu a Barreiros. O único culpable desta situación foi único e exclusivamente o PP”.
Reparos de intervención
Antonio Veiga asegura que desde xaneiro deste 2008 “o servizo de intervención do Concello ten feito dilixencias de reparo ás nóminas dun montón de traballadores porque non están xustificados os desprazamentos e tampouco a produtividade. Curiosamente entre eses traballadores está o concelleiro de obras, Lorenzo Penabade que ten adicación exclusiva e o reparo que fai intervención é porque non xustifica os seus desprazamentos. Si falamos de austeridade empecemos pola nosa casa, pero que a austeridade sexa real… que non se estean a gastar os cartos dos veciños sen control e iso é o que está ocorrendo no Concello de Barreiros desde hai anos”.
Orzamentos de 2008
O edil do BNG considera que “por este motivo esta proposta é un brinde ao sol para que a xente se crea que haberá austeridade no gasto, pero no Concello de Barreiros houbo malgasto durante moitos anos e seguirá habéndoo porque non se clarifican as contas cando hai que clarificalas que é a principios de ano. Dito sexa de paso, aínda para venres vai a pleno a aprobación dos orzamentos de 2008 que é o terceiro borrador que nos presentan no que vai de ano. Si son incapaces de facer as contas tamén serán incapaces de facer un plan de austeridade”.