NOTA DE PRENSA
O GPPP instará a Deputación a que rexeite o traslado do Cepreco a Madrid
Lugo, a 23 de novembro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó vindeiro pleno da Deputación unha moción na que propón instar ó Goberno Central a que rectifique na súa decisión de desmantelar e trasladar fóra de Galicia o equipo técnico adscrito ó antigo Centro de Prevención da Contaminación (Cepreco), de tal xeito que manteña este servizo na nosa comunidade, para a coordinación interministerial e o deseño do plan de continxencias ante episodios de contaminación mariña similares ós acontecidos co Prestige.
Explican os populares na súa moción que o executivo central acordou o traslado do Cepreco a Madrid ou a outros destinos administrativos fóra da nosa comunidade polo que, con esa decisión, abórtase o deseño do plan de continxencia para facer fronte a un vertido como o rexistrado a raíz da catastrofe do Prestige.
A tarefa de elaboración e deseño deste plan de acción contra vertidos mariños deu inicio a principios do 2005 a instancias do Ministerio de Presidencia –con funcións de coordinación e intermediación ministerial- e aínda segue en fase de elaboración.
O desmantelamento por parte do Goberno de Zapatero do equipo de expertos sobre contaminación mariña asentado na torre de control marítimo de A Coruña, demostra que o único interese dos socialistas en relación co desastre do Prestige foi, ó entender dos populares, puramente político.
Este feito pon de manifesto asemade, segudo sinala o PP na súa moción, que aquel desastre foi utilizado políticamente por PSOE e BNG para facer dano ós gobernos do PP pero que, unha vez conseguido o seu obxectivo de gobernar, o Executivo de Zapatero esquece a catástrofe e, lonxe de facer avances para evitar que se repita, opta por suprimir unha estrutura que se evidenciou como moi necesaria a raíz do accidente do petroleiro.
Malia que naquel intre dende o PSOE e o BNG criticaron con forza a xestión da administración central e galega e insistiron na necesidade de artellar medidas para evitar desastres como o do Prestige, agora finiquitan todas as medidas impulsadas polo Partido Popular en Galicia e en Madrid, tanto para prever e evitar accidentes dese tipo como para paliar os danos sociais e económicos causados polos vertidos do Prestige e recollidas no Plan Galicia.
O desmantelamento deste equipo de expertos demostra que para o actual executivo esta cuestión carece xa de interese, unha vez que xa non lles produce réditos políticos. Parece máis que evidente, na opinión dos populres, que os socialistas xogaron coa boa vontade de tanta xente que colaborou nas tarefas de recuperación da costa tras o Prestige e que reclamou medidas e estratexias para impedir que algo así se repita.
Suliñan ademais que o traslado deste equipo de expertos implica o desmantelamento en Galicia dun órgano que tiña a súa mirada posta no corredor marítimo de Fisterra, polo que pasan uns 40.000 buques ó ano, dos que 12.000 transportan mercadorías perigosas. Esta realidade debera implicar a reconsideración por parte do Goberno de España da súa decisión coa que, unha vez máis, Galicia perde un servizo de máxima importancia e carácter estratéxico.