CERVO .- O bus da campaña Moitollo 2009, promovida pola dirección xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia e que pretende iniciar dun xeito lúdico aos escolares no eido da prevención de riscos e seguridade no traballo, estivo no colexio de Educación Infantil e Primaria número un de Cervo.
Nota de Prensa
O COLEXIO DE CERVO Nº1 ACOLLE HOXE A CAMPAÑA ‘MOITOLLO’ PARA INTRODUCIR AOS ESCOLARES NA CULTURA DA PREVENCIÓN DE RISCOS
* A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, que compartiu as actividades divulgativas cun grupo de 127 nenos e nenas, destacou “a importancia da aprendizaxe temprana” nesta materia
Lugo, 20 de novembro de 2009.- O bus da campaña Moitollo 2009, promovida pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia e que pretende iniciar dun xeito lúdico aos escolares no eido da prevención de riscos e seguridade no traballo, fixo hoxe parada no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) número 1 de Cervo.
En total, 127 alumnos e alumnas puideron disfrutar das actividades divulgativas que conforman a campaña, especialmente dunha proxección en tres dimensións que narra as peripecias dunha personaxe que se ve envolta en diversas situacións de risco, aínda que neste caso o resultado é ao tempo divertido e didáctico.
O vídeo, que deben ver con gafas polarizadas, é o elemento do programa máis valorado polos cativos, seguido en segundo lugar polos agasallos que se distribúen durante o desenvolvemento das actividades, coa mascota de Moitollo como imaxe de referencia, e que serven de recordatorio e reforzo da mensaxe da campaña.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quixo achegarse ao centro e compartir estas actividades cos nenos e nenas para subliñar “a importancia da aprendizaxe temprana para inculcar nos profesionais do futuro a cultura da prevención”.
Neste senso, Arias sinalou que esta cultura da prevención “vai máis alá do estrito cumprimento das normas sobre seguridade e saúde laboral. Supón asumir a necesidade de adoptar medidas de protección ante os riscos laborais, e que esta conciencia impregne por defecto o planeamento e desenvolvemento de calquera actividade laboral”.
A campaña Moitollo vai dirixida ao público infantil, e está deseñada sobre a premisa de que os nenos son receptivos a esta información cando se lles comunica nunha linguaxe sinxela, a través de xogos e aproveitando a imaxinación e outros recursos que lles son propios. Ata o momento, a campaña achegouse aos colexios de Palas de Rei, Cospeito, Lourenzá e Barreiros, ademáis da visita realizada a Cervo durante a xornada de hoxe. A semana que ven estará nos colexios de O Saviñao (luns) e Sober (martes).
Na mesma liña, Raquel Arias apuntou a necesidade de introducir esta materia dende as primeiras etapas do ensino. “A seguridade laboral debe estar presente na escola, do mesmo xeito que o está cada vez con máis forza a seguridade viaria. Non podemos pospoñer a educación neste eido ata que os mozos empezan a traballar, unindo entón a falta de experiencia coa falta de conciencia sobre os perigos que enfrontan”.