Cervo, 15 de setembro de 2016. O Concello de Cervo presentaba este xoves a nova tempada e abriu o prazo de inscrición nas escolas deportivas para o presente curso con 19 actividades diferentes, 16 para nenos e 3 para adultos, mantendo as cotas que estaban establecidas na tempada anterior. No acto estiveron os concelleiros Dolores García e José Ramón Soto.
O alcalde, Alfonso Villares, explicou que “desde hoxe poden facerse as inscricións para as diferentes actividades que se van levar a cabo nas Escolas Deportivas do Concello de Cervo. A presentación oficial da tempada 2016/2017 terá lugar o 21 deste mes de setembro no auditorio da Casa da Cultura ás 19:00 horas. Neste día resolveranse todas as dúbidas que poidan xurdir, así como as posibles modificacións en horarios, instalacións, etcétera. A tempada comezará o luns 3 de outubro e rematará o venres 26 de maio para as actividades de nenos e nenas, mentres que as de adultos continuarán ata mediados do mes de xuño”.
As actividades que poderán practicar os nenos e nenas son as seguintes:
• PEQUEXOGOS.- para nacidos nos anos 2011, 2012 e 2013, na cal o obxectivo é que se relacionen entre eles, aprendan os valores do xogo colectivo e a iniciarse para a práctica do deporte.
• SKATE / BMX.- Actividade pensada para o alumnado do IES.
• FÚTBOL-SALA MASCULINO/FEMININO.- Nas categorías de prebenxamín, benxamín, alevín e infantil.
• PATINAXE ARTÍSTICA.- Actividade mixta para nenos e nenas.
• DEPORTES DE RAQUETA.- Contará coas actividades de tenis, tenis de mesa, bádminton, e pádel para nenos e nenas.
• MULTIDEPORTE.- Inclúe hockei, atletismo, orientación e xogos populares.
• LUDOARTE.- Actividade pensada nos nenos en idade escolar, como unha maneira de interrelacionarse entre eles dende a creatividade.
• ZUMBA / AEROBIC.- Pensado para o alumnado do IES.
• VOLEY XUVENIL.- Actividade para o alumnado do IES iniciada a pasada tempada e que xogaron na liga federada.
E para os adultos as actividades son:
• XIMNASIA DE MANTEMENTO, AEROBIC e PILATES.
O edil de Deportes, José Ramón Soto, engadiu que “as fichas de inscrición entregaranse nos seguintes lugares: Concello de Cervo, Casa do Mar, Casa da Cultura ou tamén ao monitor correspondente. En todas as actividades existe un número máximo de prazas para asegurar o correcto funcionamento dos grupos, así como un número mínimo para poder levalas a cabo. A todos os alumnos e alumnas inscritos no Deporte Escolar proporcionaráselles un seguro individual de accidentes da Xunta de Galicia”.
E Alfonso Villares rematou destacando que “o Concello de Cervo ven organizando as actividades das escolas deportivas desde o ano 2007 e cun crecemento de participantes notable, pois no curso anterior pasaron de 220 persoas as que acudiron a estas actividades. Como non pode ser de outro xeito, dende o Concello vaise continuar apostando polas actividades para os nosos nenos, pois ademais do entretemento entendemos que son un xeito de formación para que así os nosos pequenos se adestren no mundo do san a través do deporte. E tamén é importante destacar que diriximos estas actividades non soamente para os nenos senón tamén para todos adultos, porque entendemos que o deporte hai que practicalo non soamente cando somos nenos senón tamén cando vamos crecendo. Por iso é unha aposta máis que desde o Concello de Cervo facemos polo deporte”.