Lugo, 13 de setembro de 2016. O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe en Lugo que Feijóo fora incapaz no debate de onte de facer “unha soa proposta para Galicia, só se propuxo a si mesmo”.
Leiceaga participou nun encontro sectorial con persoas maiores en Lugo, no que tamén interviron o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez; o número 1 da candidatura provincial, Luis Álvarez; e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. “Feijóo vive nunha Galicia virtual, só está preocupado pola súa carreira persoal pero non ten un compromiso real con Galicia”, afirmou Leiceaga.
“En ocasións parece Donald Trump, que di que vai facer un muro entre México e Estados Unidos e que o van pagar os mexicanos; Feijóo prometeu en 2009 un AVE entre Lugo en Ourense, con recursos da Xunta pero que despois pagaría Fomento”, apuntou o candidato do PSdeG.
Para os maiores, Leiceaga lembrou que eliminará o copago farmacéutico aos pensionistas de menos recursos, “unha medida que beneficiará a 650.000 persoas e terá un custo de 65 millóns de euros”. Os socialistas aumentarán tamén o número de residencias e centros de día.
“Queremos unha política para as persoas pensando nas súas necesidades, temos un proxecto de país serio e solvente”, manifestou, deixando claro que a sanidade pública será unha prioridade, “para o que contrataremos a 1.500 profesionais e baixaremos as listas de espera”.
“No debate de onte os galegos viron que hai dous camiños e o de Feijóo é pura continuidade”, engadiu Leiceaga, antes de rematar comprometéndose a traballar desde o primeiro día “por unha Galicia que vaia a máis”.