NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG ESIXE QUE SE EXECUTE DE INMEDIATO O CONVENIO DOS PROMOTORES PARA EVITAR QUE A AUGA DA TRAIDA SAIA TURBIA TODOS OS ANOS POR ESTAS DATAS. OS NACIONALISTAS CRITICAN AS POUCAS INVERSIÓNS QUE DESTINA O CONCELLO PARA MANTEMENTO DE SERVIZOS.
Barreiros, 18 de novembro de 2009. O BNG de Barreiros esixe que se execute de inmediato o convenio da auga para poñer fin a unha situación que se repite ano tras ano por estas datas. Cunha nova rede de abastecemento e cunha nova EDAR a auga non sairía turbia tal e como acontece estes días.
Os nacionalistas din que “coincidimos de principio coas declaracións do alcalde, claro que se deu sempre este problema, claro que é inevitable que o lodo dos movimentos de terra vaia ao río. Eso non fai falla que o diga o alcalde. Ese non é o problema, porque si hai obras na cunca do Masma claro que eses lodos van baixar ao río e o mesmo pasa cando hai desbordamentos ou crecidas do río, non só cando están as obras da autovía. Esto ten ocorrido incluso antes de iniciáranse as obras da A-8, o problema é que non se atallou a cuestión, simplemente con recoñecer o problema non solucionamos nada”.
Desde o BNG sinalan que “nós sempre dixemos que os servizos había que prestalos en condicións e concretamente o servizo de auga é elemental e básico para a poboación. Tampouco nos vale que esa auga se pode consumir, porque é unha auga que xa ao vela che provoca rechazo. E dicirlle á xente en pleno século XXI que beba auga, pero auga turbia, desde logo que non é de recibo, sobre todo nun concello coma o de Barreiros onde parece ser que os servizos non lle importan a ninguén, un servizo básico como é o da auga non lle importa a ninguén e polas declaracións que fai tampouco lle importa ao propio alcalde”.
Edar obsoleta
O grupo municipal do BNG suliña que “nós queremos ser cidadáns de primeira, queremos ter a mesma auga que teñen outros concellos do lado, onde non se repite este problema ano tras ano, pódeno ter puntualmente. Hai que recordarlle á poboación e a toda a clase política o que ocorreu aquí cun convenio que se asinou no ano 2006 entre 25 promotores e o Concello. Un convenio para renovar todo o sistema de distribución de auga do concello e a estación depuradora de augas residuais situada en Celeiro de Mariñaos. Unha estación que é do ano 1978 e que se foi reformando con parches pouco a pouco e que a todas luces está obsoleta. Aí está a raíz de todo o problema do que estamos a falar, e eso é o que non quere solucionar Alfonso Fuente Parga. O alcalde foi incapaz de executar os 25 avais que presentaran os promotores que asinaron o convenio. A estas alturas ten recoñecido que só ten executado seis ou sete, o que lle da malamente para un tercio do proxecto de 3.600.000 e polo tanto este problema senón se executa esa obra de inmediato se vai a repetir ano tras ano, sexan obras de autovía ou pola crecida do Masma”.
No BNG considera que “se puideron buscar solucións durante todos estes anos independentemente de que non se executara a obra. O que pasa é que o Concello de Barreiros ten un orzamento de 2,5 millóns de euros, pero o 52% adícase a persoal, e seguro que moitos veciños se botan as mans á cabeza ao escoitar este dato. E curiosamente o apartado de inversións para mantemento de servizos escasamente chega ao 20%. Aí está clara cal é a actitude do equipo de goberno do PP a respecto dos servizos e cales son as consecuencias desa ineficacia e desa incompetencia”. Os nacionalistas proponen que “se execute xa ese convenio, porque sempre dixemos que primeiro había que ter era os servizos e primeiro por riba de todo está o servizo de abastecemento de auga a cada un dos veciños de Barreiros en perfectas condicións. Esa é a raíz do problema, e aí é onde queremos que se actúe. Falaron diversas asociacións e o Concello de Barreiros algo ten que contemplar nos orzamentos de 2010 a respecto deste importante servizo. Os cidadáns de Barreiros queremos ser cidadáns do século XXI e non do século XIX”.