San Cibrao 2-9-16. Onte xoves tivo lugar no Museo Provincial do Mar (San Cibrao), o obradoiro Cambiando o mundo desde o artístico.
Os participantes reflexionaron sobre a importancia que ten a arte para mostrar a visión do mundo de cada artista e para defender a igualdade en todos os ámbitos.
A través das explicacións que se lles deu, e diferentes imaxes de cadros, vídeos e cancións, aprenderon que a arte é un dos mellores reflexos das diferentes culturas e sociedades, e ela foi historicamente un espello da misoxinia existente. Mais tamén foi un campo que permitiu ás artistas reivindicar o seu sitio e a súa igualdade.
En épocas en que o acceso á vida pública estaba moi restrinxido, a literatura ou a pintura supoñían unha oportunidade para reivindicar igualdade de dereitos non só para as mulleres senón tamén para as persoas doutras etnias ou de baixa condición económica.
Este foi o último dos obradoiros do amplo programa de actividades de verán que se levaron a cabo no museo e, á súa vez, na Rede Museística Provincial de Lugo (Deputaición de Lugo) da que formamos parte.