Mondoñedo 31 de agosto de 2016.- O equipo de Goberno do Concello de Mondoñedo urxe á Deputación de Lugo a que dea cumprimento aos seus compromisos a través da posta en valor do miradoiro da cidade, tal e como lle corresponde ao titular do inmoble. Desde o Goberno local lamentan o estado de deterioro e abandono no que a Deputación provincial mantén as instalacións, polo que piden axilidade e dilixencia para por fin a esta situación.
O Concello recorda que cando o PP estivo á fronte da Deputación se levaron a cabo labores de limpeza e desbroce ao tempo que se encargou a redacción do proxecto para a súa recuperación e rehabilitación. O equipo de Goberno reclama o desenvolvemento dun proxecto capaz de darlle un impulso económico e social á cidade, así como a posta en valor do edificio.
“Polo de agora cada vez que os membros do PSOE que ocupan a Deputación falaron do miradoiro foi para propor ocorrencias, pero non teñen feito ningunha intervención que mellore o seu estado”, explican.
Desde o Concello consideran que o estado ruinoso no que o Goberno provincial mantén as instalacións non se pode consentir, posto que de estar arranxado podería converterse nun recurso turístico e nun espazo de gran utilidade a nivel provincial.
Por todo o anterior, desde o Goberno municipal demandan que esa intervención no miradoiro de Mondoñedo se faga de xeito inmediato. Dun lado, freando o seu deterioro e, de seguido, recuperando e poñendo en valor as instalacións e a súa contorna.
Desde o Goberno local apuntan ademais que a iniciativa privada podería estar interesada na xestión das instalacións, para o que se precisa unha mellora no seu estado. Tamén ofrecen a colaboración do Concello para xestionar con Fomento unha entrada mellor ás instalacións.