NOTA DE PRENSA
Veiga pide unidade na Mariña para esixir fondos que axilicen as obras da VAC
O BNG propón en Madrid o remate do tramo Barreiros-San Cibrao no 2013
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou o pasado 3 de Novembro unha proposición non de lei no Congreso dos Deputados no que solicita que o pleno da cámara inste ao Goberno do Estado a que procedan a acordar coa Xunta de Galiza un cronograma con prazos e consignacións orzamentarias suficientes que permitan rematar a Vía de Alta Capacidade Barreiros – Ferrol no horizonte de 2013.
A proposta dos nacionalistas que é coherente con outra presentada na mesma dirección no Parlamento Galego, dálle continuidade a unha anterior presentada o pasado 5 de Outubro no que se demandaba do Ministerio de Fomento a que impulse e axilice a construción da Autovía Barreiros – San Cibrao, fixando prazos para a execución da obra e dotando a mesma da consignación orzamentaria precisa.
O Responsábel Comarcal do BNG denunciou que o que está a acontecer con este vial representa unha auténtica tomadura de pelo para os veciños da Comarca na medida que estamos diante dunha obra que tiña que estar comezada no 2002 e rematada no 2007. “Mesmamente, recalcou Veiga, a propia ministra de Fomento tras unha reunión mantida con varios Alcaldes da Mariña no Outono de 2004 comprometíase a que esta obra ia estar rematada en 2008, tal como viña de acordar a Comisión de Infraestruturas de Fomento”.
“Non se trata de mirar para atrás senón de buscar unha solución que axilice esta obra e que evite que A Mariña quede á cola do Estado no referido ao desenvolvemento viario, pero é de traca que o PP bote peito cos incumprimentos do Estado ao respecto. O Goberno de Aznar que era a quen lle correspondía iniciar as obras e elaborar o estudo informativo non destinou un só euro a esta actuación ate Abril de 2004, cando xa era un Goberno en funcións”, afirmou o Portavoz Nacionalista.
Veiga pide a convocatoria da Mesa de Infraestructuras da Mariña
O Bloque Nacionalista Galego demanda un grande acordo do conxunto das forzas sociais e políticas da Mariña a fin de garantir que esta obra se remate no horizonte de 2014 e nese sentido é preciso recobrar a unidade de acción. “É necesario que nos poñamos de acordo as forzas sociais e políticas da Mariña no seo da Mesa das Infraestruturas e que posteriormente traslademos estes acordos tanto a Cámara Galega como á do Estado” afirmou Veiga, que urxiu a convocatoria da Mesa das Infraestruturas. “A Mariña non pode agardar máis por este vial, e é necesario que a sociedade da Comarca e particularmente os seus representantes políticos se poñan a altura da situación”, rematou Veiga.
“Os nacionalistas non imos facer partidismo cunha actuación na que a Mariña se xoga tanto, nin tampouco permitir que se utilice a VAC Barreiros – Ferrol como arma arroxadiza na area partidaria. Iso si, demandamos compromisos claros para rectificar o curso desta actuación”, rematou Veiga
A ‘Vía de Alta Capacidade do Litoral (tramo Barreiros-San Cibrao)’, a executar polo Ministerio de Fomento, coa forma de autovía, ven ser un tramo de 30 Km que percorre os Concellos de Barreiros, Foz, Burela e Cervo a executar no período 2001-2007. A esta altura a Administración do Estado, a pesar dos acordos parlamentarios que falaban do seu remate no horizonte de 2008, só ten executado un estudo informativo do trazado xa sometido ao tramite de exposición pública. Non deixa de ser curioso que nos Orzamentos Xerais do Estado se teñan recollido partidas de carácter testemuñal para esta actuación desde 2004, non procedéndose a súa execución na case totalidade das anualidades Orzamentarias