Cervo, 25 de agosto de 2016. O Concello de Cervo leva a cabo estas semanas os traballos de reparación e mantemento da piscina olímpica municipal. Está previsto que a instalación reabra as súas portas o 12 de setembro, luns. O custe destes traballos rolda os 6.000 euros.
O alcalde, Alfonso Villares, que visitou hoxe a piscina acompañado polo concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, comentou que “desde o Concello de Cervo estamos a acometer os traballos de mantemento da piscina olímpica municipal. Este labor é importante e ademais require do seu tempo, polo que esta piscina tivemos que pechala a finais de xullo e temos pensado abrila o 12 de setembro. Os prazos, tal como están os traballos, vanse cumprir”.
O rexedor municipal explica que “son traballos laboriosos e levan o seu tempo porque este ano decidimos facer un mantemento maior do realizado nos anos anteriores. Fixemos o baleirado de toda a auga da piscina; estamos a falar de dous millóns de litros os que hai que baleirar polo que nos leva o seu tempo, cerca de dúas semanas. Unha vez baleirada o que fixemos foi rexuntar as baldosas que ten a piscina no seu interior, porque se vai desfacendo, ademais de acumulando máis restos sucidade. Por iso fixemos agora ese rexunte destes ocos que quedaban en toda a piscina”.
O alcalde de Cervo subliña que “estimamos o custe en torno aos 6.000 euros de fondos municipais para estes traballos fundamentais co obxectivo de ter unha piscina en óptimas condicións, como estes anos, pero este aínda moito máis porque fixemos a maiores este traballo”.
Alfonso Villares comenta que “agora levará outros quince días encher a piscina, labor que xa iniciamos esta semana e polo tanto esperamos que en menos de quince días estea totalmente preparada e que este próximo día 12 de setembro, tal e como comentamos e dixemos no seu momento, xa estea dispoñible para que todos os usuarios poidamos ir a ela”.
Finalmente Villares recordou que “estes días séguese usando o ximnasio que hai nas instalacións, pois pechouse o vaso da piscina pero non o ximnasio”.