Nota de Prensa
O BNG DE FOZ PON A ANDAR A SÚA PÁXINA WEB
“Queremos que sexa un escaparate do noso traballo, do que os veciños poidan sentirse partícipes”
Foz, 13 de novembro de 2009.- O Consello Local do BNG de Foz presentou hoxe a súa páxina web á que se poderá acceder desde o sitio: http://www.bng-galiza.org/foz .
O BNG pretende con esta páxina informar aos veciños de Foz de todas as iniciativas que leve a cabo a nivel municipal, transmitir o seu posicionamento político nos temas de actualidade -tanto da localidade como da comarca ou de Galiza- e ter un punto de encontro cos veciños e veciñas do noso pobo.
A páxina intenta ser o máis funcional posible e, sobre todo, cómoda á hora de acceder a cada un dos contidos. Dispón de varias seccións desde onde acceder a cada información específica. En Portada aparecen as noticias máis destacadas, no apartado de Novas, aparecen as notas informativas que teñen que ver co traballo desenvolto polo BNG; na sección de Organización, haberá temas de interese local ou nacional co posicionamento do BNG; na sección de Textos, estarán os documentos básicos do BNG, na sección de Descargas poderase acceder a documentos importantes de carácter municipal; na sección Multimedia, colgáranse vídeos e outros soportes similares con temas variados; e tamén hai unha sección desde onde acceder a outras webs nacionais (co nome de Ligazóns) e outra máis para poñerse en contacto con nós. Así mesmo, invitamos a todas aquelas persoas que desexen facer suxestións, propostas ou denuncias, a facelo a través do noso correo electrónico: foz@bng-galiza.org, que será tamén accesible desde a web.
É intención do BNG manter a páxina actualizada a diario e ir mellorando e ampliando tanto as seccións como os contidos de cada unha, todo para facilitarlle aos veciños de Foz información importante, variada e de actualidade. Para os membros do Consello Local do BNG, a páxina web faremos que sexa o escaparate do noso traballo do que os veciños poidan sentirse partícipes.