Nota de Prensa
Veiga denuncia que Balseiro se encolle a hora de defender A Mariña.
A Xunta confirma o remate do Corredor entre 2015 e 2017
As declaracións que ven de facer públicas o deputado do Partido Popular, Xosé Manuel Balseiro, a respecto do estado de execución da VAC Barreiros – Ferrol non son máis que as escusas do mal pagador que incumpre coas súas promesas e fai bo o dito castelán “donde dije digo, digo diego”.” Non hai peor xordo que o que non quere ouvir” afirmou Veiga que criticou que Balseiro non se comprometa a apoiar a proposta dos nacionalistas de garantir que a data de remate da VAC Barreiros – Ferrol se sitúe no horizonte de 2014 tal como defendía o PP fai menos dun ano.
O Bloque Nacionalista Galego foi a única forza política que de verdade se preocupou porque a reivindicación do tramo da VAC entre Barreiros e San Cibrao estivese presente no Congreso. “Non só o demostramos en sucesivas emendas realizadas aos orzamentos do Estado, senón que tamén tivo e ten a súa verificación nas proposición non de lei que plantexamos na Cámara Baixa” afirmou Veiga quen remarcou que nos anos de Goberno de Aznar nos que se tiña que iniciar esta obra nin sequera se realizou o estudo informativo que tiña que ser sometido a exposición pública en 2004.
O Portavoz Comarcal do BNG anunciou que os nacionalistas rexistraron unha iniciativa sobre esta cuestión o 5 de Outubro de 2009 e unha iniciativa posterior con data 3 de Novembro de 2009 na que instamos ao goberno ao remate da obra no horizonte de 2014.”Non estaría de máis que o PP explicase as razóns por que nunca promoveu unha proposta en relación con este vial en Madrid?”, preguntouse Veiga que esixiu ao PP o mesmo sentido de coto en Madrid que en Compostela.
O BNG quixo referirse a posición do Goberno Galego de data 30 de Outubro de 2017 no que nunha resposta parlamentaria afirmase desde a Xunta que a data de remate dos tramos de competencia autonómica situábase no horizonte de 2015 a 2017. O Portavoz Nacionalista afirmou que esta resposta deixa en evidencia a Balseiro “posto que queda claro que sobre este tema faltou a verdade o que explica o silencio de Balseiro, que o ano pasado cando os orzamentos recollían un prazo de remate para horizonte de 2013, manifestábase no Vicedo e a día de hoxe, nin está nin se lle espera.”.
“Balseiro ten que optar entre A Mariña e o PP, o seu voto abonda para habilitar fundos e acurtar o prazo de execución da VAC” afirmou Veiga quen denunciou a redución do investimento previsto nos orzamentos 2009 para tramo lucense do corredor San Cibrao-O Barqueiro, cunha rebaixa que pasa dos 17,6 millóns previstos no orzamento plurianual elaborado polo anterior goberno aos 4,5 do actual, “pon negro sobre branco a verdadeira faciana do PP que fai un ano manifestábase no Vicedo e agora non di nada cando hai unha rebaixa do 75% no investimento previsto”, afirmou o portavoz comarcal nacionalista Antonio Veiga.
Os nacionalistas consideran unha autentica tomadura de pelo que sexan precisamente os tramos lucenses os que se deixen para o final e nomeadamente a variante de Viveiro cando son algúns dos tramos que acumulan maior densidade de tráfico. “Onde están agora os Alcaldes do PP esixindo prazos e diñeiro” preguntouse Veiga que lles demandou unha posición clara no sentido de axilizar a obra.
Na mesma liña o Portavoz do BNG demandou a convocatoria da Mesa de Infraestructuras da Mariña para analizar a nova situación que se crea así como unha resposta contundente do conxunto dos axentes sociais e políticos.