RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acolle sábado unha xornada de Estímulo de Talentos Matemáticos a través da astronomía. Segundo explica o edil de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, “no encontro participarán entre 20 e 25 rapaces chegados de toda Galicia. Estes cativos con idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos virán acompañados das súas familias”.
A xornada enmárcase dentro das actividades organizadas no ano internacional da astronomía. Está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e é financiada pola Deputación Provincial de Lugo.
Cupeiro agradécelle “a José Angel Docobo, profesor da USC e director do observatorio astronómico Ramón María Aller, por axudarnos a que esta interesante xornada se celebre aquí en Ribadeo”.