Mondoñedo, 27 de xullo de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, presidiu xunto ao concelleiro el edil de Servizos Sociais, José Otero Rejes, a mesa técnica para garantir a seguridade no XXV Mercado Medieval que se vai celebrar na localidade entre os días 12 e 14 de agosto.
Na reunión celebrada esta mañá na Casa do Concello participaron ademais membros de Protección Civil, da Policía Local, bombeiros, o técnico de turismo municipal e a empresa subministradora de luz. Todos eles axudaron na elaboración dun plan de actuación en caso de incendio ou no caso de ter que atender outras incidencias.
Tratáronse tamén as actuación a levar a cabo en caso de emerxencia. En concreto, coa empresa da enerxía eléctrica estudouse qué facer se acontece algún incidente como o producido nas últimas San Lucas para poder actuar con rapidez e eficacia.
Elena Candia explica que desde o Goberno local se traballa “para que sexa un gran evento cultural no que se prestará especial atención á seguridade para que todo transcorra de xeito satisfactorio”.
O programa
A rexedora destacou a presenza dos cabaleiros Cabaleiros de Ulver, a actuación estelar de Bruxo Queimán e Andrea Pousa ‘soños dunha terra’ ou as mesmanadas infantís, entre outras moitas. Candia salientou que esta edición conta con “máis animación e estará máis centrada, se cabe, en motivos medievais que as edicións pasadas”.
Demostracións de oficios tradicionais, ambientación de personaxes desa época ou postos onde se poderán degustar produtos típicos da comarca encherán toda a cidade mindoniense durante a fin de semana. A alcaldesa destacou tamén que este ano, como novidade, inaugurará a XXV edición do Mercado Medieval unha exposición numismática.
A rexedora indicou que os días que dure a festividade haberá degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa ao longo de toda a mañá, e un posto de venda de xarras conmemorativas do Mercado na Praza da Catedral. Salientou tamén que “ademais da caracterización de toda a cidade con motivos medievais como en pasadas edicións, este ano estenderemos a colocación dos postos ata a Alameda”.