Lugo, 26 de xullo de 2016.- O Grupo Provincial O Grupo Provincial do PP apoiou unha proposta do BNG para instar ao Ministerio de Fomento a restablecer o servizo de transporte de mercadorías de FEVE de Ferrol a Irún. O deputado Demetrio Salgueiro indicou que o seu Grupo “non pode estar en contra da perda de servizos pola importancia industrial de Alcoa, da madeira e do transporte por ferrocarril”.
Explicou que se fixeron traballos desde o primeiro día para solucionar este problema. “Retomouse o servizo tres días á semana e solucionouse parcialmente pero non é suficiente e hai que retomar os cinco días tal e como estaba e consideramos que é importante que se retome”, engadiu. O popular confiou en que esta situación responda a unha decisión puntual. “Imos estar vixiantes e faremos as xestións posibles para que se rehabilite o servizo o antes posible”. Salgueiro aproveitou a súa intervención para recordar que cando gobernou o PSOE “nin mellorou o servizo nin as infraestruturas ferroviarias”
O Santo Anxo seguirá sendo público
O PP votou en contra dunha moción do PSOE e BNG sobre o centro Santo Anxo ao considerar que a maior parte dos temas que presentan foron xa tratados polo conselleiro nun pleno do Parlamento. O deputado Ramiro Moure matizou que “se están resolvendo todos os problemas cun plan medioambiental para o centro”. Ademais sinalou que o número de profesionais aumentou de 34 a 37, polo que está no ratio establecido na normativa vixente, o que permite que haxa unha persoa ademais dos vixiantes de seguridade na quenda de noite”.
Moure precisou tamén “que actualmente hai 32 prazas autorizadas e son 25 os menores que están a día de hoxe no centro, polo que se cumpre sobradamente o ratio de profesionais ao cargo da xente interna”. Ademais, engadiu que “o centro é, e seguirá sendo, de titularidade pública”. O popular recordou que “a Xunta de Galicia na contestación que lle fixo ao portavoz socialista no Parlamento explicou que estaba arranxado todo o referido á contratación dos gardas de seguridade, así como todo o referente aos problemas xurdidos coa nova normativa no Santo Anxo”. Moure concluíu engadindo que “a Xunta de Galicia é a que ten a competencia neste centro e consideramos que xa fixo todo o que ten que facer neste tema e está desenvolvendo -segundo a nova normativa- todo o necesario para o correcto funcionamento deste colexio”.
Consorcio Galego de Igualdade
O PP non apoiou a moción presentada polo BNG para instar á Xunta sobre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar ao entender que “xa existe un acordo marco que se formalizou o pasado mes de maio entre a Consellería de Política Social e a FEGAMP” que foi resultado das negociacións e consensuada pola unanimidade dos representantes dos concellos de Galicia. A deputada Meri Teijeiro salientou que este acordo, “firmado por alcaldes de todas as cores políticas”, vén a garantir “a viabilidade presente e futura dos servizos sociais que se prestan no ámbito local”.
A popular sinalou que “estamos a favor da continuidade deses servizos de calidade, e da continuidade do Consorcio e de que o seu persoal laboral dispoña dun convenio colectivo polo que rexer as súas condicións laborais e nesto se está a traballar e negociando cos distintos representantes sindicais”. Teijeiro engadiu que “dende a Deputación non podemos dicirlle ao Consorcio como negociar as condicións laborais e non é certo que non existiran avances neste sentido pois si que se está traballando neste senso”.
Garantir a viabilidade das pensións
O PP apoiou unha iniciativa dirixida ao Goberno Central para negociar e acordar medidas que garantan a viabilidade do sistema de pensións públicas ao considerar que é necesario e lóxico en que se siga a negociar neste ámbito e se faga do xeito máis inmediato posible. O deputado José Antonio García sinalou “que o primeiro paso sería permitir que exista un goberno en España e iniciar esa senda da negociación do acordo e que estes temas de Estado se manteñan dentro do cauce do consenso e do diálogo entre partidos”. García lembrou que “foi o PP o que creou a hucha das pensións para poder recorrer a el cando a situación puntual da economía así o precisase”.