O BNG demanda que o Concello do Valadouro esixa ante as institucións pertinentes, a recuperación do servizo de gardas nocturnas, de gardas en fin de semana e días festivos, nas farmacias do ámbito de influencia territorial para o Valadouro (estabelecementos farmacéuticos de Ferreira e Alfoz).
Tal demanda supón o restabelecemento do trato igualitario para a poboación do Valadouro con respecto á cidadanía que conta cun servizo totalmente necesario, relacionado directamente coa saúde e o benestar.
O servizo que estamos a demandar non supón ningún luxo, senón unha necesidade ineludíbel. A totalidade da poboación precisa fármacos, remedios, productos farmacéuticos e material sanitarios de primeiros auxilios, independentemente da súa idade ou estado de saúde, aínda que como veremos na argumentación específica, O Valadouro posúe unhas especiais características demográficas que converten a ausencia do servizo famacéutico nocturno, nun hándicap altamente prexudicial e lesivo para a saúde da veciñanza e mesmo para os intereses do noso municipio.
Á carencia de tal servizo, únese negativamente a ausencia de Punto de Atención Continuada (PAC) no Centro de Saúde local; polo que pernoctar no Valadouro, significa en ocasións unha práctica de risco, ao ficar sen atención sanitaria local de ningunha clase. cómpre lembrar que a partires das 15:00 h., pecha o Centro de Saúde do Valadouro, até a mañá do día seguinte.
ANTECEDENTES
Até hai uns anos, O Valadouro contaba cun servizo de farmacia de garda, pois as devanditas gardas nocturnas alternábanse entre o estabelecemento farmacéutico da vila de Ferreira e mais a farmacia ubicada na Seara, no Concello de Alfoz.
No momento en que se procedeu á eliminación deste servizo, toda a poboación do Valadouro (e tamén de Alfoz) quedou sen un servizo que constitúe unha necesidade de primeira orde, tal é a dispensación de menciñas.
Cómpre sinalar, que as dúas farmacias actuais (Ferreira e Alfoz), están a cumprir o horario tradicional dos comercios comúns, mais a actividade dunha farmacia, nada ten que ver cunha panadaría, unha carnizaría ou unha papelaría, xa que da actividade comercial dos estabelecementos farmacéuticos dependen persoas enfermas, persoas con tratamentos de longa duración ou vítimas de accidentes domésticos, así como calquera veciño que sufra unha repentina afección nocturna.
A ausencia de farmacias de garda nos concellos do Valadouro e Alfoz, inflúe negativamente, por outra banda, no asentamento de poboación.
Difícilmente, unha familia con nenos pequenos ou persoas que proxecten ter fillos, escollan O Valadouro para se estabelecer, pois a desprotección á que os obrigaría residir no noso concello, faralles desistir e acabarán por radicar a súa vivenda en municipios onde este servizo básico estea garantido.
Na actualidade, calquera veciño, que ante unha urxencia, precise adquirir menciñas ou calquera caste de material sanitario fóra do horario comercial normal, vese obrigado a desprazarse até Foz, Burela ou Mondoñedo para poder dispór dunha farmacia aberta. Estamos a falar dunha viaxe de ida e volta que suma 40 quilómetros de traxecto.
Tampouco debemos esquecer que a media de idade da poboación do Valadouro é moi alta. Unha boa parte dos nosos veciños son persoas maiores; a miúdo anciáns con limitacións de algunha clase, mobilidade reducida, persoas soas ou mesmo doentes prostrados.
Este sector poboacional, en moitas ocasións carece de vehículo ou malia telo, non se trata de condutores capacitados para desprazamentos de longo percorrido, polo que ante calquera urxencia deben depender dun taxi ou da solidariedade doutros veciños.
Tras enumerar as circunstancias e factores que poden chegar a rodear a problemática dunha urxencia nocturna, a ausencia de farmacias de garda e as especiais características da nosa poboación; é preciso recordar que, a carencia dun servizo tan importante coma este, inflúe tamén de xeito negativo á hora de promover o noso concello como destino turístico.
Se para os concellos do interior xa resulta difícil competir na campaña estival, coa oferta ofrecida por vilas costeiras, (dotadas de infraestruturas de toda caste e ben fornecidas de servizos sanitarios); poucas familias visitantes optarán por alugar unha vivenda temporal no Valadouro, en sabendo, que despois do anoitecer, en fin de semana ou nos festivos, non poderán adquirir ningún tipo de medicamento ou material de auxilio.
Non entendemos desde o BNG, que un servizo de primeira necesidade e totalmente vinculado á saúde e mais ao benestar da sociedade, se encontre sometido a un monopolio que impón os seus criterios seguindo as frías leis do mercado, e non aplicando a sensibilidade necesaria na resolución de temáticas sociais, nomeadamente nas vinculadas á saúde.
Reiteramos, co ánimo de suliñar a capital importancia da nosa demanda, que unha farmacia non comercia con productos superfluos ou prescindíbeis, senón con produtos vinculados á saúde, remedios para a dor e material de primeiros auxilios.
Polo tanto, propón que “o Concello do Valadouro, levará a cabo as xestións precisas para exixir, ante as entidades e institucións relacionadas coa implantación e regularización de estabelecementos farmacéuticos, a reinstauración do servizo de GARDAS NOCTURNAS, GARDAS EN FIN DE SEMANA E GARDAS NOS DÍAS FESTIVOS para garantir a atención farmacéutica e o despacho de fármacos á poboación do Valadouro”. Igual que “o Concello do Valadouro, na medida das súas posibilidades, denunciará a situación de desamparo que sufren os seus veciños debido á ausencia de GARDAS NOCTURNAS, EN FIN DE SEMANA E NOS DÍAS FESTIVOS nas dúas farmacias do ámbito territorial de influencia do municipio” ou que “tras realizar as xestións oportunas, non se logra a reinstauración das GARDAS FARMACÉUTICAS NOCTURNAS, EN FIN DE SEMANA E DÍAS FESTIVOS; o Concello do Valadouro presentará unha demanda xudicial contra o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, por non garantir un servizo esencial para a cidadanía”.