Burela, 22 de xuño de 2016.- A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, puxo en valor este mércores o papel do sector pesqueiro en A Mariña, “por ser un dos piares fundamentais da economía na provincia, na comunidade e tamén no conxunto de España e en Europa”.
Así o explicou durante a visita á Confraría de Pescadores de Burela, na que estivo acompañada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, polo cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Joaquín García Díez, e outros representantes populares, e na que recordou que “o peso da pesca desta comarca mutiplica por seis a contribución media deste sector no conxunto de Galicia”.
Ademais, a líder dos populares en Lugo afirmou que “Burela é sinonimo de merluza, e da boa”, xa que o porto desta vila, xunto co de Celeiro, concentran a maior parte da oferta de Galicia, España e Europa. “Burela e Celeiro son os referentes europeos na merluza fresca capturada coa arte do pincho”.
En concreto, lembrou que en Galicia se descargaron durante 2015 un total de 32.488 toneladas de pescada, o que supón un incremento do 8,1% respecto ao ano anterior con 30.038 toneladas descargadas. Só en Burela entraron 11.408, que supuxeron un valor de 51,2 millóns de euros.
Durante o paseo, Candia tamén amosou o seu orgullo porque o porto de Burela fose quen de adiantarse nos últimos anos a outros como o de Avilés, co que rivalizaba polo liderado no control do mercado desta especie que xa supón o 35% do total das descargas de entre os cinco portos do Cantábrico.
Ás boas cifras nas descargas de merluza, a rula burelense tamén toma a dianteira en canto ao precio de venda, que chegou a alcanzar os 4,49 euros de media por quilo no 2015, e tamén en canto á súa capacidade de atraer frota foránea á súa cancha de ventas.
Candia tamén aproveitou para poñer en evidencia o importante papel que xoga a pesca “non só como motor económico na zona, senón tamén como xeradora de emprego”, pois a arte do pincho require a contratación de 4 mariñeiros máis por barco o que atrae máis poboación á vila.
Tamén destacou a importancia que a pesca do bonito supón para a economía galega e de Burela, “unha das capturas estacionais máis importantes, non só polas cifras de descarga que aporta, senón tamén pola súa calidade”. Así, recordou que o bonito que sae a través deste porto leva unha etiqueta verde que acredita a súa calidade e que o sistema de captura respecta o medio ambiente, ao facerse de xeito selectivo, a cacea, sen afectar ao resto de especies.
Burela, exemplo de solidariedade e de inversión
Máis tarde, nun encontro cos veciños de Burela, a Presidenta do PP de Lugo recordou tamén que a inmigración, froito da prosperidade destas terras e da dinamización do sector pesqueiro, ten moito peso nesta rexión. “Sodes exemplo de integración e de solidariedade”, dixo Candia.
Ademais, destacou o importante papel que a Xunta de Galicia ten no impulso de Burela, con achegas económicas de 7 millóns para obras de acceso ao porto e de 2 millóns de euros para obras e novas dotacións tecnolóxicas do Hospital da Costa, converténdose así nun dos concellos que recibiu maior inversión do Executivo galego nos últimos anos.