Mondoñedo, 8 de xuño de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, avanza que centrará o segundo ano do seu mandato no impulso á actividade económica da localidade. Así o manifestou no acto de presentación do espazo coworking promovido pola Xunta e a EOI para a promoción do emprendemento. “Este proxecto serviranos para alcanzar esta meta”, sostivo Candia.
A rexedora subliñou a importancia do emprendemento “como un dos piares básicos para avanzar na recuperación económica ao tempo que puxo en valor a iniciativa que hoxe bota a andar en Mondoñedo.
O proxecto promovido pola Xunta suporá un investimento de 800.000 euros en dous anos. O Goberno local, pola súa banda, ofrece as instalacións para os emprendedores, ao tempo que articulará medidas de apoio para os interesados.
A popular explicou que o primeiro ano do seu Goberno o traballo se baseou na busca de financiamento para as inversións en infraestruturas máis importantes, como a Avenida de Bos Aires, a concentración parcelaria, dotacións deportivas ou abastecemento de auga para diferentes núcleos.
O equipo do Goberno que dirixe Elena Candia ocupouse ademais do establecemento de medidas imprescindibles para o crecemento e o ordenamento urbano coa aprobación do PXOM e no avance da relación de postos de traballo do persoal municipal.
Mondoñedo, unha cidade con posibilidades
A alcaldesa avogou por colaborar desde as administracións, desde o máis profundo respecto á lei, e axudar aos emprendedores. “Para iso xorden estas iniciativas que poden ser clave para a consolidación de proxectos que creen emprego”, precisa. Candia destacou a intención e interese de Mondoñedo por “soar en positivo, como unha cidade con posibilidades e onde as administracións dan facilidades para emprender”.
Así, a rexedora popular ofreceu unión e traballo incansable con resto de administracións e Concellos para avanzar no reto do emprendemento.