RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, asegura que o mercado semanal de Ribadeo goza de boa saúde e que están estudando a posibilidade de amplialo un pouco máis nas rúas Ramón González e Reinante. No pleno do vindeiro luns 9 de novembro someterase a aprobación a modificación da ordenanza da taxa reguladora do servizo do mercado.
Suárez Barcia sinala que “o que queremos facer é darlle a normalidade que teñen o resto dos servizos no sentido de que as taxas sexan domiciliadas e pagadas no banco, evitando así que o cartos anden circulando en efectivo e que o cobrador teña que ir cada semana. Esto acontece no Concello de Ribadeo en practicamente todos os servizos: na Escola de Música, a ximnasia nas parroquias, a piscina municipal, a auga… todo se paga a través de banco. Parécenos que o mercado non debe estar no século XIX senón no XXI, e a partires de agora si a proposta vai para adiante os recibos xiraranse de maneira bimestral aos ambulantes e terán que pagalos nunca conta. Así terán que presentar para poder estar no mercado a autorización municipal xunto co xustificante do pago de estar ao día”.
O rexedor considera que “o mercado goza de boa saúde despois de toda aquela polémica que houbo no pasado inmediato. Teño que dicir que houbo algunhas baixas, pero faltou tempo para seren cubertas novamente en función dunha lista de espera por outra tanta xente, e incluso agora en colaboración coa Policía Local e cos responsables do mercado estamos estudiando ampliar uns tramiños máis na rúa Ramón González e na rúa Reinante. Goza de boa saúde, hai moita xente e está moito mellor regulado que hai tempo e tentaremos amplialo nuns postos máis”.
Outras citas na zona
O alcalde dixo que “hai unha terceira parte non me resisto a comentar, ainda que sempre son bastante prudente con esto das relacións entre unha banda e outra da ría a respecto dun mercado que nun concello veciño se crea o mesmo día que o que levamos facendo aquí desde hai 100 anos con moito éxito. Eu debo dicir que son alcalde de Ribadeo, que non teño competencia para establecer mercados noutros concellos nin os días. Dicir tamén que como alcalde, pero máis como persoa, porque sempre cando xestionamos temos que empregar o sentido común, a parte tamén de ser algo decoroso nas decisións que un poida tomar e que poidan non ser as máis axeitadas. Deixando o decoro a un lado e indo ao sentido común, eu creo que as leis do mercado que se rixen pola oferta e demanda, non sei eu cando un sitio como Ribadeo ten moita oferta desde hai 100 anos e moitísima demanda, non sei que tal lle irá a un sitio cercano a unha localidade grande como Ribadeo, onde queira poñer algo de oferta onde hai moi pouca demanda, non sei que tal lle irá. E ao mesmo tempo si eso coincide no mesmo día no que se celebra un dos máis importantes da comarca eu teño as miñas dúbidas de cómo irá, si me guío polas leis do mercado. Non sei que tal lle iría ao alcalde de Ribadeo si decide que vai favorecer que os ambulantes se poñan no pico do Mondigo, igual podo reunir a moitos ambulantes, quizais sendo gratuíto igual poden ir moitos, pero non sei que poderían vender aí”.
No pleno ordinario do vindeiro luns tamén se analizará “un acordo para a contratación por parte da Deputación Provincial de Lugo da subministración eléctrica aos edificios e servizos municipais, non soamente do Concello de Ribadeo, senón doutros moitos da provincia, de aí que as tarefas a pagar poidan ser sensiblemente inferiores ás que actualmente temos que pagar os Concellos. Polo tanto parécenos unha boa iniciativa e queremos que a Deputación faga esa encomenda de xestión”.